CULTURA

Concerto do Cuarteto Mendelssohn dentro do II Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España

15/05/2015 O Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) acolle este sábado 16, ás 20:00 horas, un concerto do Ciclo Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España en colaboración coa Fundación Albéniz e coa Escola Superior de Música Reina Sofía. O Cuarteto Mendelssohn de BP será o protagonista deste concerto, incluído tamén na programación das Festas do Apóstolo.

O Cuarteto Mendelssohn está integrado por Ivan Görnemann, violín; Marta Wasilewicz, violín; Anna Paliwoda, viola; e David Martín, violonchelo. No concerto de Santiago interpretarán varias partes do Cuarteto de corda núm. 21 en Re maior K.575 "Prusiano" núm.1, de Wolfgang A. Mozart, e do Cuarteto de corda núm. 2 en La menor op. 13, de Felix Mendelssohn.
Este ciclo é froito da colaboración iniciada en 2014 entre o Grupo Cidades Patrimonio e a Fundación Albéniz para a programación de actividades musicais de calidade a cargo de novos talentos no marco dos proxectos culturais que vén desenvolvendo a asociación a través da súa Comisión de Cultura e Educación. Está levando de forma gratuíta para o público unha selección da mellor música de cámara a espazos históricos, civís e relixiosos das 15 cidades españolas distinguidas pola como Patrimonio Mundial da UNESCO, que serven de escenarios excepcionais para a celebración destes concertos de música de cámara.

Estes espazos devólvense ao uso e desfrute cidadán e cobran o seu sentido como espazos culturais, nunha fórmula que combina patrimonio histórico español e cultura musical universal, moi eficaz para favorecer o achegamento do público a estes lugares tan especiais das Cidades Patrimonio. Con esta actividade, as cidades da asociación suman á súa potente oferta cultural un activo máis, co atractivo da vinculación entre Patrimonio e Música.

Os grupos seleccionados para a segunda edición do ciclo pola Dirección Artística da Escola Reina Sofía tocan baixo diversas formacións, en dúo, trío con piano, cuarteto de cordas, cuarteto de piano, quinteto de piano e quinteto de vento.

Documentos relacionados



Compartir: