CULTURA

"El eunuco", versión libre de Jordi Sánchez & Pep Antón Gómez da obra de Terencio, este domingo en Compostela

08/05/2015 El eunuco, coprodución de Mixtolobo e o Festival Internacional de Teatro de Mérida, chega este domingo a Compostela. Trátase dunha versión divertida, trepidante e felizmente libre de Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez. Nove personaxes entolecidos polo amor, o diñeiro, a paixón, o orgullo, os celos e os equívocos. E outras tantas historias que se entrecruzan nunha montaxe que transita sen rubor polo teatro clásico grecolatino e o musical, a comedia de situación e o vaudeville. Nove personaxes, outras tantas historias e un ritmo endiañado no que pretende ser e será toda unha festa de principio a fin. Será este domingo, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia, dentro do ciclo Teatro 2015.

Imaxínese en Atenas. Un mozo fogoso coas hormonas alborotadas. Namórase dunha escrava. A escrava, éo dunha cortesá. A cortesá ten un amante. O amante é o irmán maior do mozo fogoso, que quere facerlle un regalo á cortesá. Por iso, cómpralle un eunuco. O mozo sábeo. Do regalo, do eunuco. E, como acceder á casa da cortesá para poder namorar á escrava non é doado, decide suplantalo. Ao eunuco. E ademais, un criado que non quere, e unha criada que non se decata, e un soldado namorado dun xeneral, e un xeneral que dubida, e un cilindro… Ben, un home, pobre, que así se chama, Cilindro. E corredores, moitos corredores…

A obra estreouse con grande éxito na 60ª edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida (2014), onde conseguiu o premio Ceres do Público ao mellor espectáculo. Ademais, levou o premio Ceres da Xuventude a María Ordóñez e o Premio do Público ao mellor espectáculo no Festival de Teatro, Música e Danza de San Javier 2014. Protagonizada por nove actores e actrices coñecidos e recoñecidos: Pepón Nieto, Anabel Alonso, Alejo Sauras, Jorge Calvo, Antonio Pagudo, Marta Fernández-Muro, María Ordóñez, Jordi Vidal e Eduardo Mayo, conta con coreografía de Chevy Muraday e composición musical de Asier Etxeandia e Tao Gutiérrez. Un equipo técnico e artístico de gran calidade que conforma unha obra que está tendo enorme éxito.

Entradas á venda
As entradas están á venda a un prezo de 24 euros no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ademais de en entradas.abanca.com e no 902 434 443. O propio día da función, domingo, poderán mercarse no despacho de billetes do Auditorio de Galicia a partir das 18:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: