COMERCIO

O Concello lanza un programa piloto para convertir en escaparates os locais baleiros da cidade

11/04/2014 O obxectivo é dinamizar as zonas comerciais amosando as posibilidades dos locais que non teñen actividade. A participación non ten custo para os propietarios dos locais baleiros.

A Concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi un innovador proxecto que, en colaboración coas asociacións comerciais de Santiago, pretende dinamizar as zonas comercias da cidade mediante a instalación de escaparates en locais que actualmente están baleiros.

Trátase dun proxecto piloto no que o Concello fará de intermediario entre propietarios de locais baleiros e empresarios da cidade para, ao mesmo tempo, amosar as posibilidades dos locais e servir de escaparate para negocios xa establecidos.

No proxecto poderá participar como expositor toda entidade con sede de actividade no termo de Santiago. É un programa aberto a todos os sectores de actividade mais considérase de especial interese para decoradores, estudos de interiorismo e arquitectura, moblerías, tendas de decoración ou interiorismo. Tamén poden participar os propietarios de locais baleiros interesados en vendelo ou alugalo. Nun primeiro momento, o proxecto fixa un tope de 40 intervencións en locais.

Os propietarios dos locais baleiros, que non terá que asumir ningún custo, terá como principal beneficio por participar no proxecto a mellora do atractivo e visibilidade do seu local, que terá unha maior promoción e publicidade, polo que se facilitará o seu aluguer ou venda. Os expositores terán como principal beneficio a posibilidade de dispor de novos espazos para os seus negocios, co custe mínimo da montaxe do escaparate e do consumo da luz do local.

A relación entre os expositores e os propietarios estará regulada e coordinada pola dirección do proxecto, garantindo así a tranquilidade para todas as partes. Todo iso co obxectivo de mellorar a imaxe de Santiago, facilitar a comercialización dos locais e incentivar a implantación de novos negocios na cidade, que terá así máis vida e valor para o beneficio de todos.

Toda a información sobre o proxecto pode consultarse na web www.santiagodecompostela.gal, onde tamén se poden ver os trámites precisos para que tanto os propietarios como os expositores podans inscribirse. O prazo de inscripción remata o 14 de maio.

Compartir: