FESTAS

O pregón de Manuel San Martín e a actuación de Rosa reunen a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro

15/07/2006 Varios milleiros de persoas encheron a Praza do Obradoiro para dar comezo a unha nova edición das Festas do Apóstolo. O pregón do actor compostelán Manuel San Martín e a actuación posterior de Rosa congregaron a composteláns e visitantes nunha noite calurosa, luminosa e chea de festa. Por diante, dezasete días de actuacións e actividades para todos.

O encargado de abrir as celebracións foi o actor Manuel San Martín, emocionado no seu labor de pregoeiro este ano. "Sempre tiven ganas de facer isto" dixo nada máis saír ao balcón á vista da numerosa xente reunida para escoitalo. E despois de comparar esta nova experiencia co traballo dun cantante, lembrou a súa condición de santiagués: "Ata os dez anos vivín na rúa do Franco número 10, aí ó lado, e a casa dos meus avós na rúa Fonseca número 1. Pero despois, cando se fixo o Ensanche, todos para alá. E agora en lugar de coas badaladas da Catedral, esperto coas bucinas dos coches".

O actor lembrou a súa infancia nas rúas de Compostela e a súa especial percepción das mesmas. "Coñezo ben estas rúas, os seus recantos, a súa maxia, os seus habitantes encantados, porque para aqueles que non o sabedes, porque sodes de fóra, nestas rúas que pisades habitan seres máxicos que conviven connosco. Por exemplo, ¿quen aínda non coñece ao monxe da Praza da Quintana?; ide calquera destas noites e mirade ben, porque tódalas noites do ano sae a pasear levando uns libros nas mans", apuntou.

Non faltaron no pregón as numerosas notas de humor, como cando San Martín animou aos visitantes a subir as escaleiras da Quintana de dúas en dúas, porque como dixo, "no Concello hai un premio para aqueles visitantes que o consigan; de calquera lugar, incluso de Bilbao".

Lembrou a súa ausencia de Santiago por motivos laborais e a súa volta para participar en "Libro de Familia". Non obstante, sempre leva a Santiago na maleta. "estea na parte do mundo que estea, cada vez que escoito o nome de Compostela sinto un belisco no corazón e escápaseme un suspiro feito deste aire e unha bágoa feita desta choiva".

E dende a nostalxia á festa, porque o actor rematou a súa intervención animando
aos veciños e aos forasteiros a vivir as festas. Neste sentido lembrou que en tempos de festa mesmo a Igrexa é máis permisiva: "Hai uns días pregunteille a don Venancio, o párroco de Santalla, como pode saber un exactamente cándo entra no pecado da gula, onde está esa liña. E don Venancio, que é un home moi sabio, díxome que é moi fácil de saber: En tempos de festa un pode comer ata perder o coñecemento; a partir de aí é gula".

E ao berro de "¡vivide Compostela!, deu paso a uns intensos días de festa, que comezaron coa actuación da cantante Rosa, que presentaba o seu novo disco. Os máis fieis xa levaban diante do escenario dende moi cedo para coller sitio. Eles e todos os demais puideron gozar dun concerto no que a cantante, todo simpatía, repasou os seus mellores temas.

Documentos relacionados



Compartir: