CONSORCIO

A mostra "Rúas de Compostela. De onte a hoxe" supera as 2.000 visitas en mes e medio

18/11/2013 Caramoniña, Porta Faxeira, Conga, Pexigo de Arriba, son algunhas das 61 referenciadas na exposición Rúas de Compostela. De onte a hoxe, que se pode visitar ata finais de xaneiro na Casa do Cabido, na praza das Praterías. Dende a súa apertura hai mes e medio superáronse as dúas mil visitas, o que dá unha media de 54 por día. "É unha asistencia moi boa que esperamos manter ata a súa clausura", segundo indica o seu comisario, Juan Conde Roa.

O percorrido polas salas leva ao visitante a épocas pretéritas, onde se poden contemplar placas anteriores a 1965, mapas históricos da cidade e a orixe dos nomes, que encerran curiosidades que a organización, o Consorcio da Cidade de Santiago, convida a descubrir: "É un paseo pola evolución das nosas rúas, para achegala a todos os públicos, pero tamén a mozos e cativos", segundo subliña a xerente da entidade, María Antón.

A rúa é un dos sinais de identidade e o é ata o punto de que se pode afirmar que toda a cidade ten a súa orixe na rúa. Cando un sendeiro ou camiño se fai rúa, entón pódese empezar a falar de fenómeno urbano. A rúa orienta o espazo das parcelas e ordena a edificación, pero, á súa vez, esta converte aquela nun elemento urbano e nun espazo público, tal como destaca o folleto da exposición, que está construída sobre un plano de 1783 gardado no Concello.

"Entre dous ríos, un dos cales se chama Sar e o outro Sarela, está situada a cidade de Compostela. O Sar está ao oriente, entre o Monte do Gozo e a cidade; o Sarela está ao poñente. Sete son as entradas e portas da cidade", reza un dos paneis da mostra, cuxo deseño é de Fausto Isorna. A entrada é libre e pódese visitar de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas,. Os luns está pechada.

Documentos relacionados



Compartir: