CULTURA

Variedade de estilos e grandes nomes no tramo final do Compostela Rock 2013

11/10/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou as novas entregas da programación do ciclo Compostela Rock, que contará con grandes bandas e nomes de referencia do rock no tramo final do ano. Second, Rosendo, Freedonia & The Sweet Vandals; Youth Lagoon, Fuel Fandango, Delafé y Las Flores Azules, La Fuga e The Pepper Pots son algúns dos artistas que pasarán por Compostela nestes tres meses.

A banda murciana Second presentará xoves 24 outubro, na sede da SGE/Fundación Autor o seu último traballo, Montaña rusa, que amosa un grupo distinto, novo, experimentador e arriscado. Xa en novembro, o xoves 7, Rosendo, un dos indiscutibles nomes do rock, presentará disco na Sala Capitol. Tres anos pasaron dende o seu último disco de estudo e Rosendo sorpréndenos agora con Vergüenza torera, actual, irónico e comprometido nas súas cancións, que nos reflicten o estado anímico que atravesa a sociedade.

O sábado 9 de novembro será unha noite de soul e funk na Capitol, cunha ocasión excepcional para ver, nun concerto único e convertidas nunha soa agrupación a dúas das bandas máis representativas da escena soul/funk no noso país: Freedonia & The Sweet Vandals.

Wondrous bughouse é o título do segundo álbum de Youth Lagoon, un traballo que se presentará na Sala Capitol (domingo 10 de novembro) en colaboración co Festival Sinsal Outono. Abrirán o concerto os Absolutely Free. En Compostela soarán as cancións do proxecto que comanda Trevor Powers, un dos enfants terribles con máis enxundia do indie pop actual.

The Gift, a exitosa banda portuguesa de rock alternativo, que foi un dos grandes éxitos da pasada temporada, regresa a Santiago para presentar un concerto de grandes éxitos. Será o venres 22 de novembro na Sala Capitol.

Fuel Fandango, subirá ao escenario da Capitol o seu último disco, Trece lunas, o xoves 28 novembro. A fórmula do dúo cordobés funcionou dende o principio dunha maneira excepcional e antes de gravar o seu primeiro disco xa deran arredor de 80 concertos.

Decembro traerá tamén á Capitol nomes de relevancia e éxito como Delafé y Las Flores Azules, ou o que é o mesmo Óscar D’Aniello, Dani Acedo e Helena Miquel, que publican o seu novo disco, o segundo xunto a Dani Acedo e o cuarto dende os inicios como facto de Delafé y Las Flores Azules. O álbum titulado De ti sin mí/De mí sin ti saíu á venda en marzo do 2013. Neste novo disco, o grupo adopta un rexistro máis orgánico e analóxico, deixando ao carón as secuencias electrónicas, que case desaparecen por completo. A cita, o venres 13 decembro.

La Fuga presentará novo disco, Más de cien amaneceres, nun único concerto en Galicia. Nando (guitarras), Edu (batería), Pedro (guitarra e voz) e Raúl (baixo e coros) conseguiron ser máis Fuga que nunca. Son eles mesmos facendo o que mellor saben: rock. Estarán en Santiago o sábado 14 decembro.

The Pepper Pots porá punto final ao Compostela Rock 2013 o 20 de decembro. Este grupo xerundense formouse en 2002 co reto de recuperar o son e a estética das bandas xamaicanas dos anos 60 que facían vibrar as pistas de baile da época. Farán a presentación do seu novo disco, We must fight, nun concerto especialmente deseñado para esta época de Nadal.

Primavera Sound Touring Party e U18
A esta gran oferta de concertos engándense dúas singulares citas xa presentadas: a Primavera Sound Touring Party e U18. A primeira unirá na Sala Capitol a oito bandas nacionais e internacionais. Unha iniciativa do recoñecido festival barcelonés que, enarborando o lema "In Live We Trust", percorrerá gran parte da xeografía estatal e algúns puntos crave da europea como Inglaterra e Francia.

O sábado 23 contará con Extraperlo, The Free Fall Band, Paus e Svper (antes Pegasvs). O domingo 24 completan o cartel Antònia Font, Furguson, L’Hereu Escampa e ZA!.

Logo, o mellor da música nova do panorama nacional chegará a Sala Capitol o venres 1 de novembro. Un gran evento musical, Coca-Cola Music Experience- U18, que confirma a súa importancia un ano máis cun exitoso cartel: Auryn, o grupo emerxente con máis éxito do momento; Xuso Jones, un murciano que revoluciona o mundo do pop; e a primeira girlband española, Critika&Saik, ademais de Sweet California.

TriCiclo
Mención especial merece tamén o TriCiclo, que volve en outubro nunha nova edición, a cuarta, que terá como sede o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o xoves 31. As propostas internacionais regresan cun cartel compacto que contará coa única actuación en España de Scout Niblett, sólida compositora, cantante e multiinstrumentista británica afincada en Estados Unidos e nome habitual de referencia entre as publicacións independentes internacionais. Presentará o seu último álbum publicado este mesmo ano, It’s up to Emma.

A bilbaína Ainara LeGardon, autodidacta, autoxestionada e dona dun estilo e elegancia que poucos poderían acadar, traerá unha refinada proposta baixo o signo do seu último álbum, We once wished. Será a proposta local unha banda aclamada por igual dentro e fóra das nosas fronteiras, os vigueses Fantasgame, un dos alicerces da escena alternativa galega para o peche dun TriCiclo que soa a histórico.

Documentos relacionados



Compartir: