RELACIÓNS VECIÑAIS

O Concello repartirá 64.800 euros en subvencións ás asociacións veciñais

12/08/2013 O concelleiro de Relacións Veciñais, Francisco Noya, deu conta da aprobación pola Xunta de Goberno da convocatoria de subvencións para as asociacións veciñais correspondentes ao ano 2013. A partida total dispoñible é de 64.800 euros.

Segundo explicou o concelleiro, esta cantidade supón unha minoración dun 10% respecto ao exercicio anterior. En calquera caso, lembrou que en 2012 se incrementara a partida nun 30% respecto a 2011. Así, recordou que a partida fora baixando nos últimos anos, pasando dos 100.000 euros de 2009 aos 55.000 de 2011. "Na situación actual, tan complicada economicamente, a implicación e o compromiso contraído coas entidades veciñais mantense con esta suma, porque somos conscientes de todo o traballo que fan durante ano en beneficio dos barrios e parroquias, e tamén nos centros socioculturais", indicou.

Estas subvencións están destinadas na súa práctica totalidade a financiar actividades realizadas polas asociacións, reservándose un máximo dun 20% para gastos xerais de funcionamento. No exercicio anterior, 45 entidades veciñais pediran estas axudas, concedéndoselle a máis da metade o máximo para ese ano (2.000 euros, fronte aos 1.355 euros do ano 2011). Este ano, o máximo será de 1.900 euros.

Francisco Noya indicou que as bases experimentaron algunha modificación co obxectivo de simplificalas (por exemplo, coa remisión de todos os impresos necesarios) ou de evitar a entrega de documentación que xa posúe o Concello e axilizar así tramitación. Lembroulles ás asociacións que, en todo caso, o persoal dos centros socioculturais poderá asesoralas en canto á documentación a presentar, como se fixo xa o ano pasado.

Ademais disto, a novidade máis importante é que, con carácter xeral, o pago dos gastos será mediante transferencia bancaria ou cheque, se ben excepcionalmente se permitirá o pago en efectivo de facturas de ata 400 euros (IVE incluído) se na factura consta a maiores de "cobrado" ou "pagado", o nome e apelidos de quen recibe o pago, o DNI, a súa sinatura, a data, o cargo na empresa e o cuño da mesma. Todo con fin de facilitar a xustificación dos gastos realizado.

Recordatorio sobre a documentación
Por último, o edil lembroulles de novo ás asociacións de veciños (xa se fixo de xeito individual e por escrito a cada asociación) que deben ter presentado o orzamento, o balance económico do exercicio anterior, o programa anual de actividades e calquera outra modificación producida con motivo da celebración da súa asemblea xeral anual de socios ou por outros motivos previstos nos seus estatutos, co fin de manter actualizado anualmente o Rexistro Municipal de Asociacións tal e como dispoñen os artigos. 17.2 e 3 do Regulamento de Participación Cidadá. De non ser así, non poderá optar ás subvencións e quedarán excluídas da convocatoria.

As bases serán publicadas en breve no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abríndose entón un prazo de 20 días naturais para realizar a solicitude da axuda. A Concellería de Relacións Veciñais informará ás asociacións da apertura deste prazo.

Documentos relacionados



Compartir: