CONCENTRACIÓN
Minuto de silencio na praza do Obradoiro polo accidente aéreo nos Alpes
A praza do Obradoiro acolleu unha concentración en sinal de do polo accidente aéreo que tivo lugar onte en Francia e no que faleceron 150 persoas.
ALCALDÍA
O alcalde presentou #ComposGastroBlog e a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou os dous eventos que Turismo de Santiago organizará no mes de abril para consolidar a marca Compostela Gastronómica como unha ferramenta para a promoción da cidade como destino gastronómico. O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Reyes Leis, e polo director do grupo de cociñeiros e profesionais asesor de Compostela Gastronómica, o cociñeiro Siro González.
SERVIZOS SOCIAIS
"A nosa vida en positivo" regresa en abril
A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, acompañada por Lola Sanz, orientadora do IES Antonio Fraguas, e pola traballadora social Eva González, presentou a segunda edición do programa A nosa vida en positivo, que se desenvolverá durante o mes de abril.
CULTURA
Sete concertos #atlánticos# no ciclo Sons'15 para os meses de abril a xuño
O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá a programación do ciclo Sons'15 para o segundo semestre do ano, os meses de abril a xuño. Nesta ocasión o ciclo chamarase Sons #atlánticos#, xa que o eixe vertebrador desta programación é o Atlántico: Galicia, Portugal e Brasil como puntos de referencia, dun ou doutro xeito. Son un total de sete concertos no Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Salón Teatro, Auditorio Abanca e CGAC.
CONSORCIO
A Real Filharmonía de Galicia inaugura o Festival de Músicas Contemplativas
A Real Filharmonía de Galicia inaugura este venres, 27 de marzo, o IX Festival de Músicas Contemplativas. Este primeiro concerto celebrarase no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Dirixirá a orquestra o mestre xamaicano Andrew Gourlay. Nesta cita reflectirase a paixón polo Clasicismo a través de Haydn, Beethoven e Brahms. Como contraste e complemento, tamén se escoitará a música do compositor finés Jean Sibelius.
CULTURA
"Os Bolechas na máquina do tempo", este domingo no Auditorio de Galicia
Os Bolechas chegan este domingo ao Auditorio de Galicia para presentar Os Bolechas na máquina do tempo, unha viaxe a través do tempo cun científico tiruleco. Será ás 18:30 horas e está organizado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
CULTURA
Concerto das bandas viguesas Caraba e Inerttes este xoves na Zona C
Dentro do ciclo Compostela Rock, este xoves teremos unha xornada de rock alternativo con dúas bandas viguesas: Caraba e Inerttes. Será a partir das 20:30 horas na Zona C. As entradas teñen un prezo de 4 € anticipada e 6 € o día do concerto. Poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal, de 18:00 a 21:00 h de martes a sábado, así como na Reixa Tenda e o propio día do concerto na Zona C dende as 19:00 horas.
ALCALDÍA
Máis de 5.000 escolares de Santiago e comarca participarán na XV Campaña Municipal de Animación á Lectura
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou na Galería Sargadelos a XV Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora, que este ano leva por título "Ler é voar". A día de hoxe, xa están inscritos para participar nas actividades 3.200 escolares de escolas infantís e centros e infantil e primaria de Santiago e comarca. A previsión é superar os 5.000 participantes.
ECONOMÍA
O programa Urbano Norte promove a actividade empresarial durante esta semana a través de diversos módulos formativos
A Concellería de Economía organiza ata o 27 de marzo o programa Urbano Norte de promoción da actividade empresarial. O programa está dirixido a persoas emprendedoras, emprendedores, traballadores, persoas desempregadas e veciños, que teñen estes días a oportunidade de asistir a diversos módulos formativos. Todos eles impártense nun autobús histórico de 25 prazas. Este programa organízase dentro do Urbana Santiago Norte, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
DEPORTES
A MediaSan do Camiño alcanza a súa segunda edición co ánimo de converterse nunha referencia no calendario atlético galego
O Centro Comercial Compostela acolleu a presentación do II Medio Maratón MediaSan do Camiño, que se celebrará o domingo 12 de abril e que transcorrerá pola última etapa do Camiño de Santiago entre Arca (O Pino) e a praza do Obradoiro. Os detalles da proba foron explicados nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Deportes, María Corral; o alcalde do Pino, Manuel Taboada; o responsable de Relacións Externas de El Corte Inglés, José Manuel Blanco; o delegado en Santiago da Federación...