CULTURA
Cancións galegas de Antonio Fernández-Cid para clausurar a XII edición do Todo Lírica
A XII edición do ciclo Todo Lírica clausúrase o venres 4 de xaneiro co concerto As cancións galegas dedicadas a Antonio Fernández-Cid, no que os alumnos da Escola Superior de Canto de Madrid estarán acompañados dos pianistas Borja Mariño e Carmen Fernández Cabrera. As entradas poden mercarse na billeteira do Principal ou en Novagaliciabanco a 8 euros.
ALCALDÍA
O alcalde avanza uns orzamentos municipais "realistas, prudentes e sociais" para 2013
O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou un avance dos orzamentos municipais 2013, que serán presentados nos vindeiros días e levados ao Pleno para a súa aprobación. Cunha previsión de 94,3 millóns de ingresos e 91 millóns de gastos, cualificou estes orzamentos como "realistas, prudentes e sociais". Increméntanse as partidas destinadas fomento do emprego, educación, promoción económica e servizos sociais, ademais dos investimentos reais.
COMERCIO
Miles de rapaces participaron nas actividades de #nadalamos
As actividades organizadas polo Concello de Santiago dentro do novo programa municipal #nadalamos contaron xa coa participación de miles de rapaces, que nestes días puideron gozar do Nadal na cidade. #nadalamos aínda non rematou, posto que este venres, 4 de xaneiro, terá lugar un obradoiro de xardinería no Espazo de Exposicións do Hotel Araguaney, de 17:00 a 21:00 horas (non precisa inscrición previa), e a pista de xeo continuará aberta ata o tres de febreiro.
CULTURA
Segundo concerto de Love of Lesbian dentro do ciclo Compostela Rock tras esgotarse as entradas do primeiro
Love of Lesbian esgotaron as entradas para o concerto que ofrecerán o 15 de febreiro en Santiago de Compostela, na Sala Capitol, dentro do ciclo Compostela Rock. Dada a boa resposta por parte do público e coñecendo que aínda moita xente non ten entrada, Love Of Lesbian confirma unha data máis, o xoves 14 de febreiro.