EDUCACIÓN
Aberto o prazo de preinscrición na Escola Municipal de Música para o novo alumnado
Este luns 4 de maio abriuse o prazo de preinscrición na Escola Municipal de Música para o novo alumnado, unha vez que rematado o prazo de renovación para o xa existente. Con tal motivo publicouse o listado prazas vacantes para o curso 2015-2016. O prazo de preinscrición remata o 22 de maio.
XUVENTUDE
Comezan as obras do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga
A concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, vén de anunciar o comezo das obras do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, que foran adxudicadas pola Xunta de Goberno local o pasado 19 de marzo por un importe de 199.560 euros, dos cales o 80% serán achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e o 20% restante polo Concello. O edificio estará situado a carón do CEIP Apóstolo Santiago e da Escola Municipal de Música e conta cun prazo de execución de seis meses.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
O programa "Imos de excursión 2015" retoma a actividade cunha visita a Mugardos
O programa Imos de excursión 2015, promovido pola Concellería de Cultura, continúa coa programación de excursións dende os centros socioculturais, coa organización dunha visita ás "Terras de Mugardos" na que os participantes se achegarán ás localidades de Mugardos, Ares e Redes.
EDUCACIÓN
Máis de 185 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música participarán no Auditorio no Festival de Música e Movemento
Os días 5 e 6 de maio, ás 18:30 horas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá o Festival de Música e Movemento que tradicionalmente organiza a Escola Municipal de Música. O evento dará a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses na Escola e contará coa participación de máis de 185 alumnos e alumnas, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias.