XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno dá o visto bo a obras no rural por máis de medio millón de euros
A Xunta de Goberno aprobou os proxectos para Santiago a incluír no Plan Especial financiado pola Deputación da Coruña. Ademais, iniciouse o expediente para contratar novas obras de limpeza e desbroce nas pistas da parroquias do municipio.
DEPORTES
Camiñada solidaria ao Pedroso para loitar contra a mortalidade infantil
O Concello de Santiago, a través da concellería de Deportes, e o Club Deportivo Fontiñas, organizan un ano máis a Camiñada ao Pedroso, que xa cumpre a súa décimo primeira edición. Nesta ocasión, tal e como xa ocorrera en 2011, os fondos recadados serán a beneficio de Unicef, que os empregará nos seus programas de supervivencia infantil.
ALCALDÍA
O Museo Gaiás exhibe xuntas por primeira vez doce grandes xoias da historia galega
O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á presentación no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia da exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media. A mostra reúne 12 códices orixinais de entre os séculos IX e XV, auténticos tesouros do patrimonio documental e bibliográfico galego que por primeira vez serán exhibidos xuntos ao público.
PLENO
O Pleno ratifica a renuncia á paga extraordinaria do alcalde e dos concelleiros con dedicación exclusiva
Na súa sesión ordinaria de setembro, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a eliminación da paga extra para os seus membros con dedicación exclusiva, así como para os directores de área. Outro dos asuntos tratados foi a cesión gratuíta dunha parcela á Xunta para a construción da Escola Oficial de Idiomas.
INFRAESTRUTURAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS
Encontro cos veciños do Romaño para informalos sobre o proxecto de local sociocultural e centro de día
Os concelleiros de Infraestruturas, María Castelao, e Centros Socioculturais, Francisco Noya, mantiveron unha reunión cos veciños do Romaño para explicarlles o proxecto do centro sociocultural para o barrio, infraestrutura incluída no programa Urbana Santiago Norte. O inmoble acollerá un centro de día que funcionará naquelas horas en que o local non teña un uso sociocultural.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O programa "Galego de cine" ensina aos máis pequenos as claves da linguaxe audiovisual a través do noso idioma
A caravana de Galego de cine estará en Santiago de Compostela o venres 28, de 18:00 a 20:00 horas na praza do Toural. Os máis pequenos poderán así visionar 12 curtametraxes en galego e converterse en pequenos cineastas.
CULTURA
Corenta e catro funcións, obradoiros, exposicións e mesas redondas na XVII edición do festival Galicreques
O director-xeral do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Jorge Rey, director do Festival Internacional de Monicreques, Galicreques, presentaron a XVII edición deste evento, que se celebra do 29 de setembro ao 7 de outubro en diferentes puntos da cidade. En total serán 44 funcións de monicreques, ás que haberá que sumar obradoiros, exposicións e mesas redondas. As entradas están xa á venda no Teatro Principal, a Zona "C" e a SGAE-Fundación de Autor.
TURISMO
Santiago promociónase en París
Turismo de Santiago promocionará a cidade en París o vindeiro 2 de outubro nunha xornada na que participarán 50 empresas do sector de congresos e viaxes de incentivos. O evento está organizado polo Spain Convention Bureau, do cal forma parte Turismo de Santiago. A presentación terá lugar no Instituto Cervantes, onde as cidades participantes poderán amosar as súas características aos profesionais do sector.
ALCALDÍA
Fonseca acolle unha mostra retrospectiva do artista compostelán Manuel Bonome
O Colexio de Fonseca abriu as súas portas a unha mostra retrospectiva arredor do traballo de Manuel Bonome. O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á inauguración da exposición, que se poderá visitar ata o 14 de outubro.
RECOLLIDA DE LIXO
Entran en funcionamento os 29 novos colectores de recollida de roupa e calzado
O concelleiro Barrios, Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, asistiu á posta en funcionamento dos primeiros colectores de recollida de roupa e calzado. Instaláronse 29 colectores deste tipo en diferentes partes da cidade.