CONVIVENCIA
Este venres remata o prazo de solicitude dos permisos para as cacharelas e/ou sardiñadas de San Xoán
O prazo para solicitar os permisos para a celebración das cacharelas e/ou sardiñadas de San Xoán conclúe mañá venres ás 14:00 horas. A documentación debe presentarse no Rexistro Xeral do Concello, se ben os particulares poderán facer a súa solicitude a través da páxina web municipal.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Botan a andar os novos "Batidos Sinérxicos de Economía Social"
Esta mañá botaron a andar os Batidos Sinérxicos de Economía Social, encontros mensuais enmarcados no programa Compostela Móvese con S de Social 2018. Trátase de sesións temáticas que se celebrarán en diferentes espazos da cidade e que teñen como obxectivo deseñar ferramentas e accións vinculadas á economía social. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, participou hoxe na primeira das xuntanzas, na sede de Miraxe, Sociedade Cooperativa Galega.
POLÍTICAS SOCIAIS
Compostela conmemora o Día das Persoas Refuxiadas con varias actividades
O 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, e a Concellaría de Políticas Sociais ten en marcha varias actividades para celebrar esa data, xunto coa Rede Galega de Apoio ás Persas Refuxiadas e ao Foro Galego da Inmigración. Tamén se porá en marcha unha campaña de visibilización dos dereitos destas persoas, a través da rotulación dos taxis da cidade.
ALCALDÍA
Asinado o acordo para traer a Santiago "a mellor Supercopa Endesa dos últimos tempos"
O alcalde, Martiño Noriega, e o director xeral da ACB, José Miguel Calleja, asinaron este mediodía o acordo para a celebración da Supercopa Endesa 2018 en Santiago. Foi nun acto no que tamén participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director xeral territorial de Endesa, Miguel Temboury; o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, e a concelleira de Deporte, Noa Morales.
POLÍTICAS SOCIAIS
Recepción con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, acompañada doutros/as integrantes da Corporación, recibiu a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas.
MOBILIDADE
Tussa comeza a xestionar directamente os servizos da ORA e do guindastre
A empresa municipal Tussa comezará mañá venres a xestionar directamente os servizos da ORA e do guindastre, tal e como estaba anunciado. A partir de mañá, poderase utilizar a nova aplicación para o pago do aparcamento a través do móbil, Moviltik, e deixará de estar operativa a actual app, E-park.
EDUCACIÓN
O concelleiro de Educación e Cidadanía súmase á xornada de Land Art do CEIP Pío XII
O alumnado do CEIP Pío XII participou hoxe na Alameda nunha sesión de Land Art, á que non quixo faltar o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios. Na actividade, que xa está consolidada no calendario do centro, participaron os nenos e nenas de Infantil e do primeiro ciclo de Primaria.