INFRAESTRUTURAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS
Encontro cos veciños do Romaño para informalos sobre o proxecto de local sociocultural e centro de día
Os concelleiros de Infraestruturas, María Castelao, e Centros Socioculturais, Francisco Noya, mantiveron unha reunión cos veciños do Romaño para explicarlles o proxecto do centro sociocultural para o barrio, infraestrutura incluída no programa Urbana Santiago Norte. O inmoble acollerá un centro de día que funcionará naquelas horas en que o local non teña un uso sociocultural.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O programa "Galego de cine" ensina aos máis pequenos as claves da linguaxe audiovisual a través do noso idioma
A caravana de Galego de cine estará en Santiago de Compostela o venres 28, de 18:00 a 20:00 horas na praza do Toural. Os máis pequenos poderán así visionar 12 curtametraxes en galego e converterse en pequenos cineastas.
CULTURA
Corenta e catro funcións, obradoiros, exposicións e mesas redondas na XVII edición do festival Galicreques
O director-xeral do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Jorge Rey, director do Festival Internacional de Monicreques, Galicreques, presentaron a XVII edición deste evento, que se celebra do 29 de setembro ao 7 de outubro en diferentes puntos da cidade. En total serán 44 funcións de monicreques, ás que haberá que sumar obradoiros, exposicións e mesas redondas. As entradas están xa á venda no Teatro Principal, a Zona "C" e a SGAE-Fundación de Autor.
TURISMO
Santiago promociónase en París
Turismo de Santiago promocionará a cidade en París o vindeiro 2 de outubro nunha xornada na que participarán 50 empresas do sector de congresos e viaxes de incentivos. O evento está organizado polo Spain Convention Bureau, do cal forma parte Turismo de Santiago. A presentación terá lugar no Instituto Cervantes, onde as cidades participantes poderán amosar as súas características aos profesionais do sector.
ALCALDÍA
Fonseca acolle unha mostra retrospectiva do artista compostelán Manuel Bonome
O Colexio de Fonseca abriu as súas portas a unha mostra retrospectiva arredor do traballo de Manuel Bonome. O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á inauguración da exposición, que se poderá visitar ata o 14 de outubro.