PLENO
O Pleno municipal aproba a modificación do cadro de persoal de 2011
O Pleno aprobou definitivamente nunha sesión extraordinaria, cos votos favorables do grupo do Goberno e o negativo dos dous grupos da oposición, a modificación do cadro de persoal de 2011, unha vez estudadas e rexeitadas as alegacións presentadas.
CULTURA
Oito concertos no Teatro Principal e na Zona "C" configuran o novo ciclo Íntimo&Acústico
O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron un novo ciclo da concellería de Cultura, Íntimo&Acústico. Son oito concertos que, tal e como indica o nome do ciclo, responden a formatos máis íntimos e serán no Teatro Principal e na Zona "C". O ciclo inaugurase o 16 de febreiro con Aline Frazao e terá o seu broche de ouro o 7 de xuño con Coque Malla. Entremedias, estarán Simon Finn, Rebeca Jiménez, Cardigan...
DEPORTES
Á venta as entradas para o partido internacional entre as seleccións femininas de fútbol de España e Austria
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o cartel do partido internacional entre as seleccións femininas de fútbol de España e Austria, que se disputará o mércores 15 de febreiro, ás 20:45 horas, no Estadio de San Lázaro, e avanzou algunhas das actividades programadas vinculadas co evento. O edil estivo acompañado pola concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado; o seleccionador nacional de Fútbol Feminino, Ignacio Querenda; e a internacional española Verónica Boquete.
MULLER
A mostra "Así é como vivo" amosa a realidade dun fogar con violencia de xénero
A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, inaugurou no Centro Sociocultural das Fontiñas a exposición fotográfica Así é como vivo. A mostra, cun obxectivo preventivo fronte á violencia de xénero, amosa imaxes que reflicten a realidade dun fogar no que vive unha muller e os seus fillos que sofren violencia machista.
DEPORTES
Coloquio sobre fútbol de alto rendemento
A Facultade de Filosofía acolleu o foro O fútbol de alto rendemento na actualidade. Este coloquio forma parte dos actos programados con motivo do partido entre as seleccións de fútbol feminino de España e Austria, que se celebrará no estadio de San Lázaro o mércores 15 de febreiro.
XUVENTUDE
Inaugurada a exposición fotográfica cos mellores momentos de "MúsicaXove’11"
O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, inaugurou no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche a exposición fotográfica do 4º Certame MúsicaXove. No acto tamén se entregaron os premios aos gañadores desta última edición.