ALCALDÍA
Sánchez Bugallo propón o traslado do mercado dos xoves á rúa de Roma como unha das fórmulas para activar Área Central
Recuperando un tema abordado no Pleno ordinario deste xoves, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrou a dispoñibilidade municipal a estudar acción de apoio a Área Central. Entre esas posibles accións citou a posibilidade de trasladar o mercado dos xoves á rúa de Roma. Pero en calquera caso e en referencia a outro tipo de apoios e á consideración da titularidade privada do espazo, indicou que "non se poden xerar agravios comparativos nin escenarios discriminatorios" con outros espazos da cidade.
MEDIO RURAL E CENTROS SOCIOCULTURAIS
Remata o "Verán no rural"
Este venres remataron as actividades do programa Verán no rural, que se desenvolveron durante este mes de xullo en seis centros socioculturais do rural. A proposta estaba dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos, que durante estas semanas puideron desfrutar, dun xeito seguro, de múltiples actividades ao aire libre, como obradoiros, camiñadas ou xogos de auga.
EDUCACIÓN
Aberto o prazo de reserva de obradoiros nas escolas infantís municipais
Desde o luns 3 ata o 7 de agosto estará aberto o prazo de reserva dos obradoiros para o curso 2020-2021 nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. As solicitudes de novo ingreso poderán presentarse do 10 ao 14 de agosto.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Publicadas as listaxes provisionais de beneficiarios/as das axudas para a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe de Compostela
O Departamento de Promoción Eocnómica vén de publicar as listaxes provisionais de persoas beneficiarias da Convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe compostelás, no marco do Plan de Reactivación do Sector Turístico.