TURISMO
O aeroporto de Santiago de Compostela alcanza por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros nas rutas internacionais
O aeroporto de Santiago xa superou por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros nas súas conexións internacionais. Ata o mes de outubro houbo 403.585 pasaxeiros nestas rutas, superando xa o obxectivo municipal dos 400.000 pasaxeiros para todo o 2014. Así continúa o aumento do tráfico internacional que comezou no 2012, e que permitiu que se pasara dos 220.000 pasaxeiros que houbo no 2011 ata superar os 350.000 do ano pasado e os máis de 400.000 que se conseguirán neste 2014.
CULTURA
Pase único de "Ida" (Premio Lux), e últimos pases de "Una noche sin luna", "Mommy" e "Class Enemy" noutra xornada de Cineuropa
O programa de Cineuropa para este martes 18 de novembro trae ao Teatro Principal o pase único de Ida, de Pawel Pawlikowski, que ao seu remate terá un debate arredor dos premios Lux. De feito, tamén nesta xornada poderemos ver por última vez outro filme destes premios: Class Enemy, de Rok Bicek, ás 22:30 h no Salón Teatro. Este martes tráenos a última posibilidade de ver tamén Una noche sin luna, de Germán Tejeira, e Mommy, de Xavier Dolan, dentro do Panorama Internacional.
DEPORTES
A Granxa do Xesto acolleu o XIV Trofeo Cidade de Santiago de Ciclocross
A concelleira de Deportes, María Corral, entregou os premios do XIV Trofeo Ciclocross Cidade de Santiago, celebrado na Granxa do Xesto. A proba estivo organizada polo Club Ciclista Muebles Compostela, co patrocinio do Concello de Santiago.
CINEUROPA
Bárbara Lennie recibiu o Premio Cineuropa
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, entregou no Teatro Principal o Premio Cineuropa á actriz Bárbara Lennie. A continuación proxectouse o filme Magical Girl, protagonizado pola galardoada.
ALCALDÍA
O Campionato Nacional de Dardos reúne máis de 2.500 xogadores en Santiago
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiron ao Campionato Nacional de Dardos, que se celebra entre o 13 e o 16 de novembro no Recinto Feiral de Amio.
DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE
Comezan este mes as obras de mellora da rúa 25 de Xullo
Este mes comezarán as obras de mellora da rúa 25 de Xullo, situada no barrio das Cancelas, actuación que dá cumprimento á demanda de arranxo desta rúa reclamada polos veciños dende hai tempo e cuxo proxecto foi consensuado cos residentes da zona. A intervención enmárcase dentro dunha actuación integral que se vai levar a cabo no barrio.
XUNTA DE GOBERNO
Aprobado o proxecto de climatización da Escola Infantil do Tambre
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de reforma da climatización da Escola Infantil do Tambre, integrada na rede da Galiña Azul. As obras teñen un orzamento de 43.317 euros e un prazo de execución inferior a un mes, polo que o alcalde, Agustín Hernández, expresou a súa confianza en que poidan executarse antes de que remate o ano actual.
XUNTA DE GOBERNO
O Concello acometerá melloras na rúa Blanco Amor e instalará novo alumeado público na parroquia de Figueiras
O alcalde compostelán e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno dun proxecto de mellora da rúa Blanco Amor, no barrio de Vite. Tamén deu conta do proxecto de instalación de novo alumeado na parroquia de Figueiras.
ALCALDÍA
O alcalde incide na importancia do traballo conxunto e coordinado para facer de Área Santiago un destino turístico único
O Mercado de Abastos de Santiago acollerá entre o 14 e o 29 de novembro a exposición fotográfica Moi cerca de Santiago...Sorpréndete, coa que se quere amosar os atractivos turísticos dos 16 Concellos pertencentes ao grupo Área Santiago. A mostra está composta por 53 imaxes de 32 autores, entre as que se atopan as imaxes gañadoras e outras seleccionadas do concurso de fotografía que o propio grupo Área Santiago organizou o pasado verán nas redes sociais.
ALCALDÍA
Agustín Hernández clausurou o VIII Encontro de Profesionais do Dereito Concursal
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, clausurou no Auditorio Abanca o VIII Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal. Esta cita ten a Compostela como sede dende hai tres anos.