TURISMO
O Pleno aproba unha transferencia de capital de 200.000 euros para INCOLSA
O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, aprobou unha transferencia de capital de 200.000 euros para Turismo de Santiago – INCOLSA, procedente de remanentes orzamentarios do Concello.
CIRCULACIÓN VIARIA
Un novo sistema móbil para os axentes mellorará a xestión das sancións viarias
A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, presentou un novo sistema móbil, a través de PDA e dunha pequena impresora, que permitirá unha xestión máis eficaz das sancións viarias. Con estes instrumentos e un software específico, os axentes poden remitir a unha base centralizada do Concello os seus boletíns de denuncia e tamén imprimilos.
ALCALDÍA
O alcalde constata tras 25 anos como Patrimonio da Humanidade un Casco Histórico "rehabilitado, vivo e competitivo"
Cando se cumpren 25 anos da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (4 de decembro de 1985), o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou de "extraordinario", o balance deste período. Os principais indicadores da evolución da Cidade Histórica nesta etapa son recollidas nunha publicación editada polo Consorcio de Santiago.
CULTURA
Chega o Nadal cunha exposición de Korda e unha ampla oferta musical
O director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentou a programación cultural de decembro e xaneiro en substitución da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde. Unha oferta que está protagonizada pola exposición retrospectiva do fotógrafo cubano Alberto Korda, mundialmente coñecido polo seu retrato do Che Guevara, que estará do 22 de decembro ao 27 de marzo no Auditorio de Galicia.
ALCALDÍA
Encontro do alcalde co presidente do Grupo Agbar
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi o presidente do Grupo Agbar, Ángel Simón Grimaldos.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
"Xantar Compostela" promove o uso do galego na hostalería a través de manteis
A Concellería de Normalización Lingüística colabora na difusión da campaña Xantar Compostela, posta en marcha pola Asociación Hostelería Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta iniciativa busca, a través do sector hostaleiro, fomentar o uso da lingua galega, visibilizar a presenza do idioma e favorecer a súa oferta positiva.
ALCALDÍA
Santiago de Compostela, epicentro mundial da cultura de paz
Cun acto inaugural no Paraninfo da USC deu comezo o Foro Mundial de Educación 2010. Este evento converterá a Santiago de Compostela no epicentro mundial da cultura de paz. Será un contedor de eventos e actividades a nivel mundial que xiran arredor desta temática, contando co auspicio das Nacións Unidas e da UNESCO. entre outras organizacións internacionais.
ALCALDÍA
O Plan de Transporte Metropolitano suporá a retirada de 2.000 vehículos diarios das rúas de Santiago e do seu entorno
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu ao acto de sinatura do convenio marco para o novo Plan de Transporte Metropolitano da área de Santiago de Compostela. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
CULTURA
A curtametraxe "Check out" entra na lista dos traballos que optan aos Premios Goya
A curtametraxe Check Out, gañadora de Compostela Plató 09, o concurso de guións que se vén celebrando dentro de Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, está dentro das curtametraxes que poderán optar aos premios da Academia de Cine Española.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
A inscrición nos Campamentos Abertos de Nadal, aberta ata o 9 de decembro
O Apalpador, a figura mítica do Nadal galego, volve este ano a Compostela cargado de actividades para público familiar. Dentro das actividades do programa Apalpando as ilusións destacan os Campamentos Abertos de Nadal, aos que aínda se poden inscribir todos os que así o desexen ata o xoves 9 de decembro.