EDUCACIÓN
Concello e Xunta investirán preto de 200.000 euros en obras prioritarias en oito colexios
A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, deron conta do compromiso entre os seus respectivos departamentos para executar unha serie de obras prioritarias en oito centros escolares. Estas actuacións suporán un investimento conxunto duns 200.000 euros.
MULLER
Gran lazo violeta de mil flores artesanais contra a violencia de xénero
O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego organizou unha actividade de participación cidadá para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, celebrado o 25 de novembro. Finalmente, o gran lazo violeta previsto formouse na Casa das Asociacións de Benestar Social e non na avenida de Xoán XXIII polas inclemencias meteorolóxicas.
MEDIO AMBIENTE
Unha carpa na praza Roxa informa os cidadáns sobre as mellores prácticas ambientais na xestión diaria dos residuos
A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao; o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito; e o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Luis Lamas, visitaron a carpa de reciclaxe instalada na praza Roxa. A mesma forma parte da campaña "Separemos ben, reciclaremos mellor", impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes nun total de 66 concellos.
TURISMO
As Cidades Patrimonio promocionan a súa gastronomía en Madrid
O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentará a acción de promoción gastronómica conxunta que as Cidades Patrimonio da Humanidade de España desenvolverán este mércores 28 pola tarde na Casa de Galicia de Madrid, dentro do programa de actividades de celebración do 40 aniversario da Convención do Patrimonio Mundial. Turismo de Santiago é a entidade encargada de organizar esta actividade conxunta do Grupo de Cidades Patrimonio, que se suma á que se celebrou a semana pasada en Barcelona.