EMPREGO
Santiago de Compostela baixa das 8.000 persoas rexistradas no paro por primeira vez dende agosto do ano 2011
No pasado mes de xullo o número de persoas rexistradas no paro en Santiago foi de 7.801, 221 menos que no mes anterior. Deste xeito, xullo é o primeiro mes dende agosto de 2011 no que o número de persoas rexistradas no paro descende de 8.000 na cidade. Trátase dun resultado que consolida a recuperación do emprego na cidade, que comezou a baixar en termos interanuais precisamente en xullo de 2013, cando se rompeu unha racha de 63 meses consecutivos medrando, dende abril de 2008.
CULTURA
Noite Curta, cine de verán ao aire libre para os xoves do mes de agosto
A concelleira de Cultura, María Antón, o director do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, Pela del Álamo e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron Noite curta, proxeccións para as noites estivais de agosto en Compostela, completando a programación que anima as rúas de Compostela durante este mes. A actividade está prevista para os xoves 7, 14 e 21 de agosto, ´´as 22:30 horas, na praza das Praterías.
ALCALDÍA
Agustín Hernández afirma que o Bosque de Galicia vai transformar e integrar en Compostela a contorna da Cidade da Cultura
O alcalde compostelán, Agustín Hernández, considera que o Bosque de Galicia "vai transformar unha parte importante da cidade, achegándolle unha nova perspectiva na que se dan a man natureza e calidade de vida". Así o indicou no acto de presentación deste proxecto, celebrado no Centro Sociocultural da Trisca e presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
CULTURA
"Pepiña Maruxiña quere voar", contacontos con Barafunda en Verán na Rúa
O ciclo Verán na Rúa continúa este mércores, ás 19:30 horas, na praza de San Martiño Pinario, co contacontos Pepiña Maruxiña quere voar, presentado pola compañía galega Barafunda. A entrada é libre para todo o público e o espectáculo está recomendado de maneira especial para nenos de 2 a 8 anos.