DEPORTES
Santa Isabel acolle o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de fútbol feminino nas categorías sub-16 e sub-18
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-16 e sub-18 de fútbol feminino que se celebrará no campo municipal de Santa Isabel os días 20, 21 e 22 de decembro. Nesta fase participarán as seleccións de Galicia, Baleares e Canarias.
XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno aproba obras nas parroquias rurais por máis de 600.000 euros
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS 2013) da Deputación da Coruña no que atinxe ao Concello de Santiago, que inclúe dez obras de melloras nas pistas e nas redes de abastecemento e saneamento de varias parroquias rurais. Ademais, adxudicouse a redacción do proxecto de mellora da mobilidade e da accesibilidade do barrio de Vista Alegre.
COMERCIO
Remata o prazo de inscrición no Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal
O venres 14 de decembro remata o prazo de inscrición no Concurso Municipal de Beléns e Ambientación de Nadal. A inscrición pode facerse a través do envío dun correo electrónico a comercio@santiagodecompostela.gal. As bases do concurso poden consultarse en www.cersiaempresa.org. O resultado do concurso farase público o día 19 de decembro.
CULTURA
Berto Romero ofrece a última función de "La apoteosis necia" dentro do ciclo Falabaratos
Berto Romero ofrece en Falabaratos a última función do seu espectáculo La apoteosis necia. Será o venres 14 no Auditorio de Galicia a partir das 21:00 horas. Con Romero péchase a programación de Falabaratos deste 2012, no que estiveron David Amor, Quico Cadaval, Sergio Pazos, Luis Piedrahita, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Godoy, Goyo Jiménez, Ángel Martín, Ricardo Castella, Leo Harlem&amigos e David Guapo. No 2013 haberá unha nova edición do ciclo.
PROTECCIÓN CIVIL
O Concello de Santiago recomenda precaución aos cidadáns por mor do temporal de vento e choiva
Dende Protección Civil recoméndase precaución e ofrécense algúns consellos de utilidade, tales como camiñar preto das fachadas dos edificios e evitar pasar á beira de inmobles en ruínas ou en obras.