ORZAMENTOS
O Concello aposta pola estabilidade orzamentaria mantendo a capacidade inversora no período 2009-2011
Lograr a estabilidade orzamentaria sen minorar a vocación inversora do Concello de Santiago é o obxectivo do Plan Económico-Financeiro 2009-2010, aprobado polo Pleno municipal. Segundo explicou o concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, isto lograrase asumindo un compromiso de "proporcionalidade entre as partidas para conter o endebedamento".
FACENDA
As ordenanzas fiscais para 2009 fixan a conxelación da tarifa do lixo e unha nova taxa para as empresas de telefonía móbil
Cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do PP, foron aprobadas nos Pleno municipal as ordenanzas de ingresos públicos para o ano 2009. A taxa máis importante, a do lixo, queda conxelada, mentres que o resto actualízanse segundo o IPC (4,9%), co que a suba real queda establecida nun 3%, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Andrés Fariña. Cómpre lembrar que tamén se producirá unha conxelación da tarifa do transporte urbano.
PLENO
O Goberno local informou ao Pleno da decisión de manter como local o Parque de Bombeiros
O Pleno municipal debateu sobre o Parque de Bombeiros nunha sesión extraordinaria solicitada polo Partido Popular. Na mesma, a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, informou aos concelleiros sobre o acordo adoptado por Xunta e Deputación para que o Parque de Bombeiros sexa local.
TURISMO
Turismo de Santiago aposta polo Turismo de Incentivos
Turismo de Santiago vai desenvolver unha nova aposta estratéxica polo Turismo de Incentivos, un segmento de mercado con gran potencial de crecemento. O obxectivo do departamento que dirixe Xosé Manuel Iglesias é convertir a Santiago no destino de referencia estatal neste tipo de turismo nas cidades que teñen entre 100.000 e 200.000 habitantes. As actividades desta nova liña estratéxica englobaranse baixo a marca "Santiago Incentívate".
CONSORCIO
A Comisión Executiva do Consorcio aproba un investimento de 600.000 euros para os parques da Selva Negra e Granell
A Comisión Executiva do Consorcio, presidida polo alcalde e presidente da entidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou un programa de actuacións nos parques da Selva Negra e Eugenio Granell cun investimento de 600.000 euros, que serán aportados polo Consorcio, aínda que a xestión dos mesmos correrá a cargo do propio Concello .