ALCALDÍA
Sánchez Bugallo recibiu ao alcalde de Zitácuaro (México)
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao alcalde de Zitácuaro, municipio do Estado de Michoacán (México), Juan Antonio Ixtláhuac Orihuela. O rexedor mexicano está en xira de traballo por España.
REFORMA ADMINISTRATIVA
Santiago participará nun programa europeo para optimizar a administración electrónica
A concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, presentou en rolda de prensa a candidatura para participar nun proxecto que consistirá esencialmente en estudar e intercambiar experiencias en todo o relativo ás metodoloxías máis axeitadas para poñer en práctica a administración electrónica. Isto permitirá reducir ao máximo o emprego do papel a nivel municipal, tanto a nivel interno como na relación cos cidadáns.
ALCALDÍA
O Concello cede unha parcela ao Consello Galego de Cámaras para a construción da súa sede
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente do Consello Galego de Cámaras, Francisco Cruz Senra, asinaron no Pazo de Raxoi o convenio polo cal a entidade municipal cede un terreo de case 1.800 metros cadrados ubicado nas Cancelas para a futura sede do Consello.
CULTURA
A banda ofrece un concerto con pezas escollidas polo público
Por terceira ocasión, a Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño Maquieira, ofrece o seu Concerto á Carta, cun programa confeccionado coas obras elixidas polo público. A cita será o domingo 15, ás 12:00 horas, no Teatro Principal.
ALCALDÍA
O Estado mobiliza 400 millóns de euros en obras para a cidade
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polo anuncio de que o Estado investirá 88 millóns de euros na duplicación do tramo Santiago Norte - Santiago Sur da AP-9. Esta cantidade, sumada a outras previstas para diversas obras na cidade, deixan un investimento por parte da Administración central duns 400 millóns de euros, que se incrementará ata os 500 coas obras da EDAR e da estación do AVE.
MERCADOS
Mercagalicia obtivo uns beneficios de 89.000 euros en 2008
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidou esta mañá o Consello de Administración de Mercagalicia no que se aprobou o informe de xestión do exercicio de 2008.
EDUCACIÓN
O Concello e Ibercaja achegan a 2.300 alumnos de secundaria á historia do século XX a través do rock
O Teatro Principal acolle do 16 ao 19 de febreiro o concerto A historia do século XX contada a través do rock, co grupo Los Misterios. A Concellería de Educación e a Obra Social de Ibercaja fan posible estas nove sesións, que achegarán a alumnos de secundaria ao estudo dunha das épocas máis fascinantes da historia.
DEPORTES
Comerciantes e hostaleiros xuntan esforzos para promover o deporte base a través do Xogo Solidario
A Casa do Concello acolleu a presentación da iniciativa Xogo Solidario, enmarcada dentro do Programa de Axudas da Fundación Compostela Deporte, coa que comerciantes e hostaleiros dos municipios de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra xuntan esforzos para promover o deporte base.
COMERCIO
A terceira feira de saldos Compostela Outlet conta xa con 40 comercios inscritos
O 23 de febreiro remata o prazo de preinscrición para participar na III Feira do comercio polo miúdo Compostela Outlet, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco do programa de actividades Marzo, mes do comercio. 40 estabelecementos comerciais xa presentaron a solicitude en rexistro para acudir á feira de saldos que se celebrará no Recinto Feiral de Amio o 14 e 15 de marzo.
ALCALDÍA
O alcalde explicoulles aos comerciantes o anteproxecto da nova estación do AVE
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse esta tarde coa directiva de Acotés, para falar do anteproxecto da nova estación do AVE en Santiago. No encontro estivo tamén a concelleira de Vivenda e Urbanismo, Mercedes Rosón.