TRABALLO
O Sarela recupera outros 800 metros de paseo á súa beira
O alcalde de Santiago, Xosé A Sanchez Bugallo; o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, visitaron o paseo do río Sarela rehabilitado polos 60 alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Compostela Natural. As obras consistiron na rexeneración do cauce e apertura dun paseo á beira do río de 800 metros de longo por 1,35 de ancho, entre a igrexa do Carme de Abaixo e Casas da Ribeira de San Lourenzo.
XUNTA DE GOBERNO
Adxudicadas as obras do novo pavillón polideportivo de Fontiñas
A Xunta de Goberno adxudicou as obras do pavillón polideportivo de Fontiñas, por un importe de 1.687.543 euros. Este novo equipamento deberá estar listo en 14 meses.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Os mozos de Compostela estudan un ano máis para impulsar proxectos de cooperación ao desenvolvemento
Mañá, mércores 5 de novembro, dará comezo a 6ª Olimpiada Solidaria de Estudo, unha iniciativa que quere implicar aos mozos e mozas na consecución de fondos para financiar proxectos educativos no terceiro mundo a través do tempo que dediquen a estudar. Un ano máis, Compostela súmase a esta campaña a través dos centros socioculturais da Trisca, Conxo, Vite e Fontiñas.
CONSORCIO
O Consorcio aproba o Plan de Mantemento de Edificios
O alcalde compostelán presidiu o Consello de Administración do Consorcio de Santiago, no que, entre outros acordos, aprobouse a conta xeral do exercicio de 2007 e o Plan de Mantemento de Edificios. Tamén se ampliou o prazo de concesión municipal para a explotación do Multiusos ata 2028, a cargo do Concello e da Sociedade Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE), así como as obras de acondicionamento nestas instalacións deportivas por importe de 1.678.837 euros.
CULTURA
Arrinca Cineuropa con "A noite que deixou de chover"
Presentouse no Teatro Principal a proxección de A noite que deixou de chover, filme rodado integramente en Compostela que marca o comezo da edición XXII do Festival Cineuropa.