MANCOMUNIDADE DE SANTIAGO
Sánchez Bugallo visita aos emigrantes composteláns de Arxentina e Uruguai
O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, emprende unha visita institucional a Arxentina e Uruguai, na que manterá xuntanzas con colectivos composteláns e da mancomunidade e asinará diversos convenios. Acompáñano nesta viaxe, do 28 de abril ao 5 de maio, a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o de Brión, Xosé Luis García.
TURISMO
Santiago asistiu á asemblea anual do Spain Convention Bureau
O Spain Convention Bureau, órgano da Federación Española de Municipios y Provincias presidido polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, celebrou en Cuenca a súa asemblea anual de 2006.
CULTURA
Presentación da Federación Galega de Bandas de Música Populares
O Auditorio de Galicia acolle o sábado 29, ás 21:00 horas, a presentación da Federación Galega de Bandas de Música Populares, nun evento organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Asociación Cultural-Musical Solfa. A actuación foi presentada nunha rolda de prensa na que participaron, entre outros, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego; o presidente da FGBMP, Emilio Vázquez, e a presidenta de Solfa, Lucía Carreira.
PLENO
Aprobado o proxecto do Regulamento do Consello Municipal de Migracións
O Pleno do Concello de Santiago aprobou o proxecto do Regulamento do Consello Municipal de Migracións. O obxectivo desta norma é garantir o dereito á participación na vida municipal dos cidadáns e cidadás de Compostela, de tal xeito que se atenda ás características específicas do colectivo de persoas inmigrantes, emigrantes retornados e emigrantes.
EIXO ATLÁNTICO
Eixo Atlántico e Vicepresidencia da Igualdade asinan un convenio para desenvolver actividades entre a mocidade galega e do norte de Portugal
O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana, asinaron o pasado 26 de abril, un convenio de colaboración para promover actividades dirixidas á xuventude da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.