XULGADO MERCANTIL
Sánchez Bugallo reunirase co conselleiro de Xustiza o martes 25
O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, reunirase co conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luís Méndez Romeu, o vindeiro martes, ás 9:00 horas, no Pazo de Raxoi. Na xuntanza abordarase a máis recente actualidade en relación coa demanda dun Xulgado e dun Rexistro do Mercantil para a cidade.
LEVANTAMENTO DE 1846
Lembrando o levantamento galego de 1846
A concellería de Cultura de Santiago de Compostela organiza un acto o vindeiro domingo 23 de abril para celebrar os 160 anos do levantamento galego en Santiago de Compostela. O acto, que se celebrará na praza da Inmaculada, estará presentados polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego e iniciarase ás 19.00 horas, xa que a esa hora comezaron a rendirse os compañeiros de Solís, vendo que non quedaban municións no mosteiro de San Martiño Pinario.
EXPOSICIÓN
O Auditorio de Galicia acolle a exposición "Sen Xeración"
O Auditorio de Galicia acollerá a exposición "Sen Xeración" dende o vindeiro mércores, 26 de abril. O título da mostra fai referencia á obra dunha serie de artistas, trece en total, que por diferentes circunstancias, a historia quixo deixar "sen xeración".
CONCERTOS DIDÁCTICOS
Máis dun milleiro de rapaces participaron no Ciclo de concertos didácticos nos centros escolares
Un total de 1.175 alumnos de educación secundaria participaron no Ciclo de concertos didácticos nos centros escolares, dedicados este ano a Mozart con motivo do 250º aniversario do seu nacemento. O programa, organizado polo Departamento de Educación e Mocidade constou de 10 concertos, celebrados nos propios centros de ensino de Santiago e no Centro Sociocultural de Fontiñas.
PUBLICACIÓNS
Presentado o Anuario Estatístico 2005
O concelleiro delegado de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Anuario Estatístico de Santiago de Compostela 2005. Esta publicación recolle dun xeito ordeado e sistemático a información económica e sociodemográfica da cidade. A nova edición recolle varias novidades como a introdución por primeira vez de datos sobre formación para o emprego ou censos agrarios.
BENESTAR SOCIAL
Primeira Pedra da Casa das Asociacións de Servizos Sociais
O martes 25 de abril ás 11.30 horas celébrase o acto de colocación da primeira pedra da Casa das Asociacións de Servizos Sociais, ao que asistirán as autoridades municipais e representantes das organizacións sociais.