ALCALDÍA
O alcalde avanza uns orzamentos municipais "realistas, prudentes e sociais" para 2013
O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou un avance dos orzamentos municipais 2013, que serán presentados nos vindeiros días e levados ao Pleno para a súa aprobación. Cunha previsión de 94,3 millóns de ingresos e 91 millóns de gastos, cualificou estes orzamentos como "realistas, prudentes e sociais". Increméntanse as partidas destinadas fomento do emprego, educación, promoción económica e servizos sociais, ademais dos investimentos reais.
COMERCIO
Miles de rapaces participaron nas actividades de #nadalamos
As actividades organizadas polo Concello de Santiago dentro do novo programa municipal #nadalamos contaron xa coa participación de miles de rapaces, que nestes días puideron gozar do Nadal na cidade. #nadalamos aínda non rematou, posto que este venres, 4 de xaneiro, terá lugar un obradoiro de xardinería no Espazo de Exposicións do Hotel Araguaney, de 17:00 a 21:00 horas (non precisa inscrición previa), e a pista de xeo continuará aberta ata o tres de febreiro.
CULTURA
Segundo concerto de Love of Lesbian dentro do ciclo Compostela Rock tras esgotarse as entradas do primeiro
Love of Lesbian esgotaron as entradas para o concerto que ofrecerán o 15 de febreiro en Santiago de Compostela, na Sala Capitol, dentro do ciclo Compostela Rock. Dada a boa resposta por parte do público e coñecendo que aínda moita xente non ten entrada, Love Of Lesbian confirma unha data máis, o xoves 14 de febreiro.
FESTAS
Os Reis Magos chegarán a Santiago cargados de agasallos e de caramelos
O concelleiro de Festas e carteiro real, Francisco Noya, deu os detalles da chegada dos Reis Magos a Santiago de Compostela na tarde do sábado de xaneiro. As Súas Maxestades chegarán unha vez máis en tren para percorrer as rúas de Compostela na tradicional Cabalgata. Repartirán 3.500 quilos de caramelos sen glute e atenderán a todos os nenos e nenas.
COMERCIO
Entregados os premios aos gañadores do II Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal
O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu o acto de entrega dos premios aos gañadores do II Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal 2012, celebrado no salón vermello de Raxoi. Manuel Carballeira Vieiro foi o gañador na categoría individual do Concurso de Beléns, mentres que o Departamento de Centros Socioculturais levou o premio na modalidade colectiva. No Concurso de Ambientación de Nadal resultaron triunfadores Equisol Comercio Xusto (comercios) e Café Casino (hostalería).
BENESTAR SOCIAL
Máis de 300 nenos e nenas recibirán 1.600 xoguetes grazas á solidariedade de cidadáns e entidades de Compostela
A campaña Compar-T un xoguete, posta en marcha polo Equipo de Dinamización Social do programa Urbana Santiago Norte en colaboración coa Cruz Vermella de Santiago, permitirá repartir, ao longo da xornada do xoves 3 de xaneiro 1.612 xoguetes, grazas á colaboración desinteresada de particulares e diferentes entidades. A concelleira de Benestar Social en funcións, María Castelao, fixo balance desta iniciativa.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Case 130 nenos e nenas participan nos campamentos abertos de Vive o Nadal
Continúan desenvolvéndose os Campamentos Abertos de Nadal, actividades de conciliación familiar e laboral programadas pola Concellería de Centros Socioculturais no marco de Vive o Nadal. Estas actividades realízanse dende o 26 de decembro e ata o 4 de xaneiro nos centros socioculturais das Fontiñas, O Ensanche e Conxo, e nos locais socioculturais das parroquias rurais da Gracia, Nemenzo e Figueiras.