CULTURA
"Imperial: Café Cantante", unha gran produción de estrea no Principal
Estréase no Teatro Principal a nova obra de Teatro do Noroeste, "Imperial: Café Cantante", unha superprodución chamada a converterse nun dos acontecementos escénicos da temporada. Un ano de traballo detrás para un espectáculo que estará nos principais escenarios de Galicia, de forma continuada, ata finais de xaneiro. Ademais, chega acompañado da edición da obra en libro e CD.
ALCALDÍA
Bilbao rende homenaxe a Santiago de Compostela
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu en Bilbao, acompañado dos seu homólogo bilbaíno, Iñaky Azkuna, a inauguración da rúa "Santiago de Compostela". Con esta denominación, o concello biscaíño quere render homenaxe á comunidade galega e , de xeito especial, á capital de Galicia da que salientan a súa calidade de cidade Patrimonio da Humanidade e punto fundamental do Camiño de Santiago.
UMAD
A UMAD pon en marcha os obradoiros do Programa de pais e nais para a educación
"O respecto como prevención. Construíndo dende a familia persoas e cidadáns" é o título do primeiro taller do Programa de pais e nais para a educación, que organiza a Unidade Municipal de Atención aos Drogodependentes (UMAD). Neste obradoiro, que se celebrará os venres 20 e 27 de outubro e 10, 17 e 24 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas, abordaranse temas como as dificultades de comunicación, o fracaso escolar, as drogas, o vandalismo, o incumprimento de normas ou os problemas de convivencia.
EDUCACIÓN E MOCIDADE
Compostela forma novos monitores de tempo libre
A Concellaría de Educación e Mocidade e o centro de estudios FESAN organizan un curso de monitores de tempo libre, do 20 de outubro ao 17 de decembro. Esta iniciativa, incluída nas accións formativas para a especialización da mocidade en actividades extraescolares, quere incidir nunha mellor dinamización da mocidade compostelá e contribuír á profesionalización na organización das actividades extraescolares dos centros de ensino da cidade.
EDUCACIÓN
Un traballo de cine do IES Porto do Son gaña a IV edición de Educacompostela
O IES Porto do Son foi o gran triunfador da IV edición dos premios Educacompostela, ao gañar o primeiro e o segundo premio. Estes galardóns recoñecen aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia.