EDUCACIÓN
Compostela únese ás celebracións internacionais pola paz
Coincidindo co 30 de xaneiro, no que se conmemora o Día Mundial pola Paz, a Concellaría de Educación e Mocidade organiza o VIII Foro de encontro das Organizacións Non Gobernamentais. Celebrarase o sábado 27 de xaneiro no centro comercial Área Central, onde as ONGs darán a coñecer á cidadanía compostelá os seus materiais didácticos, proxectos e produtos de comercio xusto, entre outras iniciativas.
FACENDA
Unha carta de servizos garantirá os compromisos municipais co cidadán nas súas xestións tributarias
O Concello garantirá por escrito aos contribuíntes unha serie de compromisos de calidade en relación cos servizos que se lle prestan en materia de xestión, recadación e inspección. Isto será posible grazas a unha carta de servizos que estará operativo no ano 2008, segundo anunciou o concelleiro de Facenda, Xaquín Fernández Leiceaga.
TRANSPORTES
A tarificación por minutos atrae a máis usuarios aos aparcadoiros públicos
O concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, presentou os datos de ocupación dos aparcadoiros públicos nos primeiros quince días de 2007. Destas cifras despréndese que medrou tanto o número de usuarios como da estanza media.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
A metade dos participantes no Proxecto Crear xa se insertaron laboralmente
Un total de 51 persoas, 24 mulleres e 27 homes, accederon ao mercado laboral a través do Proxecto Crear III, que comezou a súa andadura o 1 de xuño de 2006 e remata o 31 de maio deste ano. No programa, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e no que colaboran o resto de municipios da comarca compostelá, participan 100 usuarios. 61 deles son mulleres e os outros 39 homes.
DEPORTES
Un millón de persoas pasaron polo Multiusos de Sar e polo Pavillón de Santa Isabel en 2006
Ata un millón de persoas pasaron durante o 2006 polo Pavillón Mulitusos Fontes do Sar e máis polo de Santa Isabel. Ademais de acoller eventos relacionados co deporte, o recinto foi escenario de eventos musicais como a ópera Carmina Burana ou o festival de hip hop Microfest. Para facer balance do ano estiveron en Fontes do Sar o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, e o xerente do Multiusos, Santiago Cuadrado.