DEPORTES
O campo de fútbol das Cancelas renova o seu céspede artificial
En materia de Deportes, o Goberno local acordou tamén o inicio do expediente de contratación das obras de reforma do campo de fútbol das Cancelas, cun orzamento de 390.653 euros. O céspede actual, colocado hai 9 anos e lastrado con area, será subsituído por un novo, de última xeración, con lastrado mixto de area e caucho.
MERCADOS
Aprobado o orzamento municipal para a remodelación do Mercado de Abastos
A Xunta de Goberno local aprobou o orzamento que o Concello de Santiago destinará ao proxecto de remodelación do Mercado de Abastos. A achega económica é de 1.286.285 euros. Esta cifra representa o 25% dos 5.145.143 euros que custa a obra.
ALCALDÍA
Santiago acollerá en setembro o XI Congreso Nacional de Psiquiatría
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao presidente da Asociación Galega de Psiquiatría, Mario Páramo. Este informouno sobre as actividades previstas con motivo da celebración na cidade do XI Congreso Nacional de Psiquiatría, do 24 ao 29 de setembro.
INFRAESTRUTURAS
Visita do alcalde á parroquia de Cesar
O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou a parroquia de Cesar, onde o departamento de Obras vén de remodelar o espazo público que se atopa ao lado do centro sociocultural e xunto ao campo da festa.
MULLER
A Concellaría da Muller dá a coñecer os nomes das homenaxeadas o 8 de marzo
Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, o Concello compostelán homenaxeará a nove científicas e/ou investigadoras que desempeñan a súa actividade profesional en Santiago. Así mesmo, o día 8 fallarase o premio Xohana Torres e a fin de semana celebrarase a I Feira Medieval da Muller Artesana.
SEGURIDADE
A Policía Local celebrou o seu patrón
Como cada ano, a Policía Local celebrou o seu patrón, o Santo Ánxo da Garda. Con tal motivo, o Hostal dos Reis católicos acolleu o acto de entrega das placas e medallas de recoñecemento, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.
SEGURIDADE CIDADÁ
Os delitos en Compostela diminuíron máis dun 3% en 2006
A cidade de Santiago segue a mellorar os seus índices de delincuencia ano tras ano. En 2006 tamén se produciu unha diminución das cifras de delitos, neste caso dun 3,33%, pasando dos 1.323 delitos de 2005 aos 1.279 do pasado ano.
VIVENDA
Emuvissa aproba o prego administrativo para a execución das obras de urbanización do Sunp-14 (Tras Paxonal)
O Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela (Emuvissa), presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou en sesión extraordinaria o prego de cláusulas administrativas para a execución das obras de urbanización do plan de sectorización do Sunp-14 (Tras Paxonal).
CENTROS SOCIOCULTURAIS
O Ensanche presenta en concerto a The Two Halfs
O Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche desenvolverá o sábado 3 de marzo dende as 21:00 ata as 23:00, en sesión de club, unha actuación musical de The Two Halfs, acompañado polas videocreacións de The Chemical Orange.
CASCO HISTÓRICO
Solución alternativa á plataforma da Costa Vella
Despois de analizar o impacto visual da plataforma de formigón construída na Costa Vella, a carón da nova Biblioteca Pública, o arquitecto do proxecto, Andrés Perea, mostrou a súa disposición a buscar unha solución alternativa. Así llo manifestou ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e á concelleira de Urbanismo e Casco Histórico, Mercedes Rosón, nunha reunión mantida en Raxoi.