VIVENDA
A colaboración entre Unión Fenosa e Emuvissa permitirá aforrar máis de seis meses na entrega de licenzas de primeira ocupación
O alcalde compostelán e presidente da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa), Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio de colaboración co director de Distribución Galicia de Unión Fenosa, Manuel Domingo Fernández Pellicer. Este acordo permitirá que nos polígonos promovidos por Emuvissa se poidan adiantar entre seis e doce meses a entrega das licenzas de ocupación, segundo indicou o alcalde.
AEROPORTO
Aer Lingus conectará Santiago con Dublín a partir do 27 de marzo
A liña aérea irlandesa Aer Lingus presentou a súa nova conexión entre Santiago e Dublín, que unirá as dúas cidades dúas veces por semana a partir do 27 de marzo. Os martes e os sábados, ás 16:10 horas, sairán os voos de Compostela, mentres que a volta dende a capital irlandesa está programada para as 12:25 horas.
EDUCACIÓN
Compostela acolle as V Xornadas da muller
A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou as V Xornadas da muller "Coeducación e Interculturalidade, que por segunda edición se celebran en Santiago. Esta iniciativa, formulada a nivel de toda Galicia, pretende facer reflexionar en torno á igualdade de xénero dende o ámbito educativo.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
A II Gala do Comercio homenaxeará a seis establecementos tradicionais de Compostela
A Casa dos Queixos, Calzados Severino, Confitería Las Colonias, Joyería Malde, Farmacia Gómez Ulla e o Quiosco do Toural son os seis establecementos que serán homenaxeados na II Gala do Comercio "Compostela Capital de Compras", organizada pola Concellaría de Promoción Económica no marco do programa "Marzo, mes do comercio".
CENTROS SOCIOCULTURAIS
As corais Xúbilo e Irmán Goméz actúan no Centro Sociocultural de Vite
O programa de actuacións de corais nos centros socioculturais da cidade, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, continúa O venres 2 de marzo cos concertos das agrupación Xúbilo e Irmán Gómez. Será ás 20.00 horas no centro "José Saramago" de Vite.
ALCALDÍA
Recepción á agrupación folclórica Colexiata do Sar
Algúns dos integrantes da asociación folclórica Colexiata do Sar pasaron por Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Os representantes desta histórica asociación, con máis de 26 anos de historia, expuxéronlle ao rexedor compostelán os seus proxectos.