URBANISMO
Vía libre ao SUP-1 de Romero Donallo
A Xunta de Goberno acordou non admitir a solicitude de nulidade do acordo de aprobación definitiva do expediente de delimitación do SUP-1 de Romero Donallo. Deste xeito conclúense os trámites administrativos previos ao desenvolvemento deste solo, que conectará urbanística e esteticamente o Ensanche cos novos polígonos de vivendas do sur.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
"Compostela, capital de compras" quere consolidar á cidade coma referente comercial
O director-xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galica (Turgalicia), Xesús Pereira, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentaron a campaña Compostela, capital de compras, que se desenvolverá durante o mes de decembro. O obxectivo da campaña, enmarcada no Plan de Excelencia Comercial, é consolidar a Santiago como un referente comercial da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.
FESTAS
O alumeado de Nadal encenderase o 8 de decembro
O encendido da iluminación de Nadal terá lugar o sábado 8 de decembro e permanecerá acesa ata o 7 de xaneiro de 2008 en horario de 18:00 a 2:00 horas., agás o 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, que permanecerán encendida ata o mencer.
BENESTAR SOCIAL
As entidades sociais da cidade animan aos composteláns a mercar agasallos solidarios no Nadal
Con motivo da celebración, o 3 de decembro, do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Concellaría de Benestar quixo chamar á sensibilización sobre esta cuestión. Con este obxectivo, a súa responsable, Mar Martín, celebrou unha rolda de prensa con representantes das entidades Fonte da Virxe, Aspas, Agadea, Asociación de Lupus, Acem e Sarela.
CULTURA
Adxudicada a redacción do proxecto da Casa das Máquinas
A empresa Taller 8 Arquitectos será a encargada de redactar o proxecto básico e de seguridade das obras de rehabilitación da Casa das Máquinas, en Galeras. Así o decidiu a Xunta de Goberno, que adxudicou esta asistencia técnica por un importe de 29.900 euros.
SERVIZOS
O servizo de baldeo e rego das rúas amplíase a todos os días do ano
O Goberno municipal acordou unha modificación do contrato de xestión do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, formalizado coa empresa Urbaser o 4 de marzo de 2005. O obxecto deste cambio é a incorporación ao contrato da obriga de xestionar os novos puntos limpos.
TRANSPORTES E MEDIO AMBIENTE
O INEGA colaborará co Concello no plan de potenciación do uso da bicicleta
O Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) formalizarán un convenio para a promoción e potenciación do uso da bicicleta como medio de transporte urbano. A entidade autonómica achegará 140.000 euros, que sen investirán en bicicletas, estacións aparcabicis, obra civil e demais instalacións necesarias para a posta en marcha do servizo, incluída a publicidade.
URBANISMO
O Ministerio de Defensa, a Xunta e o Concello reuniranse en Santiago para tratar o tema de Bando
O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón Ferreiro, mantivo unha xuntanza no Ministerio de Defensa co director xeral de Infraestruturas, Jaime Jesús Denís Zambrana, ao que acompañaba o subdirector xeral de Patrimonio do devandito Ministerio, José Manuel Gordillo.