BENESTAR SOCIAL
O Concello colaborará nas actividades de Down Compostela e da Asociación Compostelá de Esclerose múltiple
A Asociación Síndrome de Down de Compostela (Down Compostela) e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) recibirán do Concello de Santiago unha achega respectiva de 1.500 euros para o desenvolvemento das súas actividades sociais. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou cos presidentes destas dúas asociacións, Juan Jesús Martínez e Carmen Vázquez Vaamonde, o convenio que establece a colaboración coas mesmas e o programa de actuacións ao que afecta.
CULTURA
As irmás Labèque clausuran a temporada da Filharmonía no Auditorio
As pianistas Katia e Marielle Labèque pechan a temporada da Real Filharmonía de Galicia, dirixida esta vez por Josep Pons. O "Concerto para dous pianos, percusión e orquestra", de Béla Bartók, xunto á "Sinfonía núm. 2 de Robert Schumann", conforman o programa do xoves 15 de xuño, ás 21.00 horas.