CULTURA
O director arxentino Pablo Trapero recibe o premio Cineuropa 2008
O mércores 19 de novembro chega a Compostela Pablo Trapero, un dos grandes protagonistas do Festival Cineuropa 2008. O director arxentino, aos seus 37 anos, sitúase xa como unha das grandes figuras do cinema contemporáneo do seu país. Logo da cerimonia de entrega do premio Cineuropa, que se celebrará ás 21:00 horas no Teatro Principal presentada pola actriz Camila Bossa e amenizada polo Cuarteto de Chelos da Real Filharmonía de Galicia, proxectarase Leonera, a súa última creación.
EMPREGO
Once novos cursos para mellorar a competitividade na construción e no comercio
O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores da construción e do comercio. Son 11 novos cursos enmarcados no Plan de Formación Continua e na Rede de Cooperación Local, que suman 394 horas lectivas e contan cun orzamento de 75.200 euros.
TURISMO
O cociñeiro Iago Castrillón inaugura "Merco e cociño con..."
O programa gastronómico Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, continúa o sábado 22 de novembro cun innovador taller gastronómico co cociñeiro Iago Castrillón. Baixo o nome Merco e cociño con... desenvólvese unha actividade na que os participantes realizarán primeiro unha compra dos produtos guiados polo cociñeiro responsable do taller para despois preparalos nas cociñas do Hostal dos Reis Católicos.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Catro obradoiros de graffiti incentivan entre os alumnos de secundaria a creatividade en galego e dende o galego
A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, organiza unha serie de obradoiros de graffiti nos institutos de ensino secundario de Compostela. O obxectivo destes obradoiros é incentivar a creatividade en galego e dende o galego, asociar o uso da lingua con actividades do interese dos alumnos, asociar galego e modernidade e fomentar a creatividade por grupos.
MOBILIDADE
O Concello fará un estudo para mellorar a mobilidade e o estacionamento no polígono do Tambre
A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, anunciou a elaboración dun estudo das necesidades para a optimización da circulación viaria no polígono do Tambre. A redacción deste estudo adxudicarase na Xunta de Goberno do martes 18 de novembro.
CIDADE HISTÓRICA
En fase de probas o proxecto-piloto iCompostela
A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou o proxecto-piloto de despregue da rede WiMAX na zona vella de Compostela. Acompañándoa estiveron Jesús Rodríguez Castro, xefe do departamento de Informática do Concello e Jesús Díaz, responsable do proxecto na empresa Colabora, que foi a gañadora do concurso público para a execución, xestión e explotación desta rede wireless.
CONSUMO
A OMIC e a Unión de Consumidores de Galicia promoven unha campaña informativa sobre a vivenda
O concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro, e o presidente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios e secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, presentaron en rolda de prensa varias actividades relacionadas coas comunidades de propietarios e as Normas do Hábitat Galego.
ALCALDÍA
O alcalde compostelán recibiu a Orde de Honra do Tenedor de Oro
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu a Orde de Ouro do certame Tenedor de Oro, nunha cerimonia que se celebrará no Hotel Los Abetos a partir das 20.30 horas. Esta distinción, outorgada pola Asociación Cultural Gastronómica Tenedor de Oro recoñece o seu apoio á hostalería compostelá e da comarca, cuxos establecementos teñen dado un importante pulo á proxección da gastronomía galega.
ALCALDÍA
Redactado o convenio para a construción da nova estación do AVE
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co presidente de ADIF, Antonio González Marín. Ao remate da entrevista, Bugallo sinalou que o convenio para a construción da nova estación do tren quedou xa redactado, polo que, unha vez estudado, as partes deberán manifestar a súa conformidade ou disconformidade.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O Premio Manuel Beiras segue a recoñecer o uso normalizado do galego no comercio
A Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación convocan a IX edición dos Premios Manuel Beiras. Estes premios recoñecen o esforzo que realizan as empresas de Compostela no proceso de facer normal o uso da lingua galega.