ALCALDÍA
O alcalde recibiu á Asociación de Veciños "A Xuntanza"
Os representantes das máis activas asociacións veciñais da cidade, "A Xuntanza", pasaron por Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Os temas que afectan ao barrio de San Pedro foron o centro da reunión.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Unhas xornadas técnicas orientarán na busca de traballo a persoas e colectivos de difícil inserción laboral
A Concellaría de Promoción Económica e Emprego e a Asociación Plataforma polo Emprego presentaron as xornadas técnicas "Experiencias, propostas e retos da orientación laboral e do autoemprego para persoas e colectivos de difícil inserción laboral. As sesións terán lugar o mércores 15 de novembro no hotel NH Obradoiro, de 10:00 a 14:00 horas.
SAÚDE
Compostela uniuse ao Día Mundial da Diabete
O Día Mundial da Diabete tivo a súa expresión en Compostela nunha carpa situada na Praza do Toural e promovida pola Asociación Compostela de Diabete. Esta xornada pretendía fomentar a concienciación sobre o feito de que todas as persoas con diabete ou con risco de sufrila merecen a mellor educación, prevención e atención posibles.
POLÍTICA LINGÜÍSTICA
"Tíralle da lingua" chega á súa VII edición na procura da normalización do uso oral do galego entre os máis novos
Promover a utilización oral do idioma galego entre as xeracións máis novas é o obxectivo dunha nova edición do proxecto "Tíralle da lingua", organizado pola Concellaría de Política Lingüística en colaboración coa Asociación Pedagóxica Galega (AS-PG). A iniciativa ten dúas fases: unha formativa para o profesorado o sábado 18 de novembro e outra a desenvolver nos centros educativos a través dun concurso de relato oral.
BENESTAR SOCIAL
As entidades de acción social de Compostela presentaron ao alcalde as súas propostas respecto á Lei de Dependencia
Representantes de diversas entidades de acción social integrantes do Consello Municipal de Servizos Sociais, presentáronlle ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, as súas consideracións e propostas sobre o desenvolvemento e implantación da Lei de Dependencia.
CONSORCIO
Un novo libro revisa os mitos do Apóstolo
O Hostal dos Reis Católicos acolleu a presentación do libro "Los mitos del Apóstol Santiago", de Ofelia Rey Castelao, coeditado polo Consorcio de Santiago e a editorial Nigratrea. O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo asistiu a este acto, que deu a coñecer unha obra que repasa as orixes do mito, pasando por tódalas súas etapas, ata o século XX.
PREMIO
Santiago recibe o Premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal 2006
Santiago de Compostela foi galardoada co premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal 2006. O anuncio fíxoo público a Secretaria de Estado de Servizos sociais, Familias e Discapacidade, Amparo Valcarce, no transcurso do II Congreso Nacional de Discapacidade sobre Accesibilidade Universal, que se está a celebrar en Palencia.