ALCALDÍA
Sánchez Bugallo: "O apoio da Xunta á presenza en Xangai implica que se converte nun proxecto do conxunto do país"
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou moi positivamente o balance do acontecido durante o mes de xullo na cidade en diversos ámbitos. Así, expresou a súa satisfacción por cuestións como o respaldo do Consello da Capitalidade á presenza de Santiago na Expo Xangai 2010, a aprobación do texto definitivo do Plan Estratéxico ou o avance de infraestruturas coma o paso inferior do Hórreo ou o segundo tramo do colector xeral.
URBANISMO
Novo recoñecemento internacional para Santiago polo seu crecemento urbano nos últimos 25 anos
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou a concesión a Santiago , por parte da Fundación pola Arquitectura, do Premio Europeo Philippe Rotthier 2008 á Mellor Calidade de Ampliación da Cidade nos últimos 25 anos. O premio entregarase o 18 de outubro en Bruxelas (Bélxica).
URBANISMO
Luz verde para as vivendas de Lamas de Abade e A Muíña
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu hoxe un novo consello de administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) no que, entre outras cuestións, aprobáronse os pregos de condicións para licitar as obras do SUP-5 de A Muíña e o do SUNP-12 de Lamas de Abade.
EDUCACIÓN
Vinte e catro rapaces parten cara a Fervenza do Toxa (Silleda) para participar en "AnimaLingua"
Os 24 participantes no programa "AnimaLingua" partiron dende a dársena de autobuses de Xoán XXIII cara a granxa-escola da Fervenza do Toxa, en Silleda, onde estarán ata o 13 de agosto. Os nenos e nenas, de entre 8 e 11 anos, vivirán así unha singular experiencia que busca que se expresen en galego ao tempo que coñecen o funcionamento dunha granxa ou se inician nas tarefas propias dunha horta ou dun invernadoiro.
CULTURA
Unha alborada dende a praza do Toural abriu o programa do Festival dos Abrazos
O Festival dos Abrazos abriu a súa programación na praza do Toural cunha alborada que recordaba a tradición medieval centroeuropea de saúdo ao día. Dous músicos interpretaron a alborada dende o balcón da Fundación Granell.
MEDIO AMBIENTE
A Concellaría do Medio Ambiente impulsa a implantación dun sistema de auditoría ambiental para Parques e Xardíns (EMAS)
No DOGA de 31 de xullo publicouse a resolución pola que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental concede unha subvención de 5.441 euros ao Concello de Santiago para a adhesión da área de Parques e Xardíns do Concello ao mantemento nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS). A axuda tiña sido solicitada pola Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel.