DEPORTES
O Multiusos Fontes do Sar amplía a súa sala de musculación con novos equipamentos
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o Multiusos Fontes do Sar. Alí puido comprobar as melloras realizadas na sala de musculación, que ampliou o seu espazo e incorporou novos equipamentos.
MOCIDADE
Concello e Don Bosco favorecen o intercambio intercultural entre mozas e mozos europeos
O concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, e o director da Escola de Tempo Libre Don Bosco, Francisco Rodríguez, asinaron o convenio que permite renovar o Servizo Local do que agora se chama Programa Europeo "Xuventude en acción". Esta iniciativa de voluntariado permite aos mozos e mozas do continente realizar intercambios a través da súa participación en programas interculturais e da aprendizaxe de linguas.
CULTURA
Paul Daniel dirixe á Real Filharmonía na Catedral
Como xa ven sendo habitual, a temporada do Auditorio de Galicia comeza cun concerto da Real Filharmonía na Catedral. Nesta ocasión dirixe o británico Paul Daniel, e como solistas actúan catro mulleres violinistas, pertencentes á propia orquestra. A cita é o xoves 27, ás 21:30 horas, con entrada libre, previa retirada das invitacións, o mesmo día, no Teatro Principal.
CULTURA
Compañías de 20 países traerán os seus espectáculos a unha nova edición de "Galicreques"
Chega unha nova edición do Festival Internacional de Títeres "Galicreques". Do 1 ao 7 de outubro, 25 compañías de 20 países pasarán por Compostela, conformando un programa que se complementa cunha ampla oferta de obradoiros.
CULTURA
Unha mostra retrospectiva no Auditorio exhibe a completa traxectoria artística do compostelán Quintana Martelo
A sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle unha retrospectiva do artista compostelán Quintana Martelo, composta por sesenta obras, que se completa cunha intervención na Igrexa da USC, na que o artista recrea o seu propio estudio. A mostra, inaugurada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, estará aberta ata o 9 de decembro.
ALCALDÍA
O alcalde viaxa a Estonia para participar na Asemblea Xeral das Cidades Bálticas
Como actual presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), Xosé A. Sánchez Bugallo, foi convidado á cidade de Pärnu, en Estonia, para participar na IX Asemblea Xeral da Unión de Cidades do Báltico (UBC).
TURISMO
O Día Mundial do Turismo lembra ás mulleres traballadoras do sector
"O turismo abre portas ás mulleres" é o lema escollido para o Día Mundial do Turismo das Nacións Unidas, que se celebra o 27 de setembro, aniversario da aprobación dos Estatutos da OMT.