CULTURA
Abril máxico e musical
A programación cultural de abril vén cargada de actividades, entre as que destaca unha nova edición de Compostela Máxica, do 12 ao 19; o concerto de Tom Zé no marco de Sons da Diversidade e a representación 13 rosas.
CULTURA
Continúan as actividades na exposición "A historieta galega 1973–2008"
O sábado 5 de abril, de 10:00 a 13:00 horas, na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, continúan as actividades da exposición A historieta galega 1973–2008. Fran Bueno rematará a viñeta xigante que comezou o 15 de marzo, na que recrea o conto de Carapuchiña vermella. Bueno perfilará e terminará de dar cor a esta obra e explicará a todos os presentes o proceso de realización da viñeta.
URBANISMO
Ábrense as plicas para o concurso das obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño
O xoves 3 de abril abríronse as plicas para o concurso das obras de urbanización do polígono SUNP-11 do Castiñeiriño, promovido por Emuvissa. A empresa que resulte finalmente adxudicataria executará 8.660 metros cadrados de vieiros, ademais de 12.854 metros cadrados de equipamentos e áreas libres.
CULTURA
Botan a andar dous clubs de lectura na Biblioteca Ánxel Casal
Presentáronse na Biblioteca Ánxel Casal os dous clubes de lectura que botarán a andar o mes de abril, un presencial e outro virtual. Trátase de actividades culturais e de lecer que pretenden funcionar como puntos de encontro e de intercambio de opinións sobre obras da literatura galega e universal, tanto clásica como contemporánea.
ALCALDÍA
A Comisión Asesora do Casco Histórico aproba a restauración do Pórtico da Gloria
Na xuntanza que mantiveron os membros da Comisión Asesora da Cidade Histórica aprobáronse as obras de restauración do Pórtico da Gloria. Tamén obtiveron o visto e prace a reforma do Centro de día e Albergue de Xoán XXIII, e o proxecto de alumeado do Parque da Alameda e Santa Susana.