DEPORTES
Actualización de tarifas en Sar e Santa Isabel
Os complexos deportivos de Fontes do Sar e Santa Isabel actualizan as súas tarifas en 2008. Así o aprobou a Xunta de Goberno, coa ratificación da revisión dos prezos, que se incrementan nun 4,2%, porcentaxe correspondente ao incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) entre decembro de 2006 e decembro de 2007.
SERVIZOS
Unha auditoría verificará o funcionamento dos contedores soterrados de lixo
O Goberno local aprobou o prego de cláusulas administrativas e o inicio do expediente para a contratación dunha auditoría para a inspección e verificación do funcionamento dos contedores soterrados para a recollida de residuos sólidos urbanos. O tipo de licitación é de 30.000 euros e o prazo de execución, de 15 días.
REFORMA ADMINISTRATIVA
O Concello inicia a contratación dos seus servizos telefónicos
Veñen de aprobarse os pregos e iniciarse o expediente para contratar os servizos de telefonía fixa e móbil, así como o servizo de transmisión de datos.
INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Resólvese o contrato de execución do Parque de Bombeiros e remítese o expediente ao Consello Consultivo
A Xunta de Goberno local acordou resolver, por causa imputable ao contratista, o contrato de elaboración do proxecto básico e de execución e da dirección da obra da nova sede de bombeiros, subscrito con Alberto Noguerol del Río. Tamén se resolve por mutuo acordo o contrato da execución das obras, subscrito coa empresa EXTRACO. Igualmente trasládase o expediente ao Consello Consultivo, para que emita o seu informe.
BENESTAR SOCIAL
Alumnos de estudos sociais do Campus de Ourense realizarán prácticas en Santiago
O Goberno local aprobou a sinatura dun convenio de cooperación educativa entre a Universidade de Vigo e o Concello para a realización do Practicum II e III dos alumnos de Santiago de Compostela matriculados en estudos de Traballo Social e Educación Social. En particular, trátase de alumnos que cursan estas carreiras no Campus de Ourense.
MEDIO AMBIENTE
Solicítase a cesión dunha masa común para a depuradora de Nemenzo
A Xunta de Goberno local acordou iniciar os trámites de solicitude da cesión gratuíta dunha masa común en Nemenzo-Marantes. Alí está previsto que se constrúa unha nova depuradora de augas residuais.
EDUCACIÓN
B Vocal ofrece un novo concerto didáctico para familias no Principal
A Concellería de Educación ofrece un novo concerto didáctico para familias, nesta ocasión en colaboración con Ibercaja. Será o martes 4 de marzo, ás 19:30 horas, no Teatro Principal. Alí estará a compañía B Vocal para interpretar Érase una voz…a Historia. A entrada é de balde.
CONSORCIO
O Consorcio publica "Versos a Compostela", de Rosalía de Castro
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican "Versos a Compostela", de Rosalía de Castro, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Esta nova publicación será presentada o mércores 27 de febreiro e serve para conmemorar a celebración do nacemento da escritora en Santiago, o 24 de febreiro de 1837, hai 171 anos.
MULLER
O Consello Municipal da Muller renova a súa composición
O salón de plenos do Concello acolleu unha sesión extraordinaria do Consello Municipal da Muller, que serviu para renovación das representantes no mesmo.
CULTURA
Manuel Eirís faise co galardón do público do V Premio Auditorio de Galicia
O artista Manuel Eirís recibiu o galardón outorgado polo público no V Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Deste xeito faise co quinto accésit, dotado con 1.500 euros.