TRANSPORTES
Un día para ir gratis no autobús
Os composteláns que o desexen poderán viaxar por un día no autobús urbano de xeito gratuíto. Será o venres 22 de setembro, con motivo da celebración do Día sen Coches. Unha oportunidade para deixar o coche na casa e coñecer de primeira man este servizo de transporte.
EDUCACIÓN
A Escola Municipal de Música contará cunha orquestra e cun coro propios
A Escola Municipal de Música, ubicada no Colexio Santiago Apóstolo, comeza un novo curso. Un total de 215 rapazas e rapaces están xa matriculados para esta tempada, que trae varias novidades, como a creación dunha orquestra e dun coro propios no centro, que serán presentados no concerto de Nadal. Este coro estará composto por 25 adultos e 50 nenos e nenas.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Representantes de oito países latinoamericanos participarán nunha rolda de negocios con empresarios composteláns e galegos
Santiago de Compostela acollerá entre o luns 25 e o mércores 27 de setembro unha rolda de negocios na que participarán representantes de empresas galegas e latinoamericanas. Os dous primeiros días o encontro estará reservado para as empresas de Santiago, mentres que o día 27 ampliarase ao resto de Galicia.
CULTURA
Sons do Brasil no Principal con Lilian França e Sergio Tannus
Logo dun encontro en Niterói (Río de Janeiro) en abril deste ano, o grupo galego Narf e o dúo formado por Lilian França e Sergio Tannus comezaron a traballar nesta posible colaboración que agora se fai realidade. As citas son o sábado 23 e o domingo 24 no Teatro Principal a partir das 21:00 horas, cun prezo de entrada de cinco euros.
FURACÁN
O temporal deixa escasos danos materiais en Santiago
Os restos do furacán Gordon chegaron a Santiago moito máis debilitados do que nun inicio se prevía, polo que, tralo seu paso, o balance sáldase con escasos danos materiais. O incidente máis importante tivo lugar en San Marcos, onde se rexistrou un incendio que foi rapidamente extinguido polos bombeiros. No resto do municipio, os efectos do temporal redúcense á caída de árbores, de tellas e dalgunha sinal de tráfico.