BENESTAR SOCIAL
Visita de estudantes da USC para coñecer os servizos sociais municipais
A concelleira de Benestar Social, María Castelao, recibiu un grupo de 72 alumnos de 2º de Educación Social da USC, que visitaron a Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), en Salgueiriños, para coñecer o funcionamento dos servizos sociais do Concello.
ECONOMÍA
Nace CCamina, proxecto empresarial de coaching no Camiño de Santiago
A concelleira de Economía, Reyes Leis, e a emprendedora Mariela Villar, presentaron no Pazo de Raxoi o novo proxecto empresarial CCamina, que ten por obxecto desenvolver proxectos de coaching no marco do Camiño de Santiago. CCamina contou na definición do seu proxecto empresarial coa colaboración tanto do Departamento de Economía do Concello como de Turismo de Santiago. A empresa ten a súa sede na Cidade da Cultura, no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia de Agadic.
XUNTA DE GOBERNO
Adxudicada a xestión dos expedientes sancionadores urbanísticos
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, adxudicou o contrato de xestión dos expedientes sancionadores en materia urbanística. Ademais, iniciou o expediente de contratación do servizo de lacería e deu conta da prórroga do permiso de ocupación da parcela de Salgueiriños utilizada como estacionamento e área de servizo para caravanas.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Cinco equipos de institutos composteláns participarán os días 5 e 6 de abril na final da fase comarcal do Club de Debate
Un total de 114 estudantes e 11 profesores/as dos institutos de Santiago de Compostela, Ames, Rois, Padrón e Teo participarán na competición comarcal que se desenvolverá este venres 5 e o sábado 6 de abril na Casa da Cultura de Bertamiráns. De aquí sairá o equipo que representará á comarca na final galega, que terá lugar en Santiago o 4 de maio.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
Máis de 300 usuarios dos centros socioculturais compartirán unha tarde lúdica e festiva no Centro Xuvenil Don Bosco
A Concellería de Centros Socioculturais organiza unha xornada festiva no Centro Xuvenil Don Bosco para todos os usuarios que participaron nas campañas de Nadal e Entroido. Será este sábado, 6 de abril, entre as 17:00 e as 20:00 horas.
CULTURA
"Bodas de sangre", de Federico García Lorca, no Teatro Principal
Tejido Abierto Teatro e TribekaWorld Proyectos Escénicos presentan Bodas de sangre o xoves 11 de abril, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, a 15 e 12 euros, poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal e en entradas.novagaliciabanco.es. O venres 12 de abril haberá funcións escolares ás 9:30 e 12:00 horas.
CULTURA
A actriz María Luisa Merlo e a soprano Emilia Onrubia representan "Villa Puccini"
A actriz María Luísa Merlo e a soprano Emilia Onrrubia poñen en escena, sábado 4 de maio, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, a obra Villa Puccini. As entradas, a 18 e 15 euros, están xa á venda na billeteira do Teatro Principal e en entradas.novagaliciabanco.es.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS
Viaxe a Baiona e A Guarda dentro do programa "Imos de excursión"
A Concellería de Centros Socioculturais abre o prazo de inscrición para participar na próxima viaxe organizada no marco do programa Imos de excursión 2013. Será a denominada "Galicia Celta", que se desenvolverá o domingo 21 de abril.