ALCALDÍA
O alcalde recibiu o novo embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez
O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu o novo embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez. O diplomático está de visita en Galicia, onde está a manter diversos contactos institucionais con motivo do seu recente nomeamento.
XUNTA DE GOBERNO
Aprobadas as dúas primeiras fases do proxecto de mellora da mobilidade e da accesibilidade de Vista Alegre
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de mellora e mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre nas súas fases I e II. Tamén deu o visto bo a dous proxectos de mellora da eficiencia enerxética e adxudicou as obras de mellora nas rúas Doutor Teixeiro, República Arxentina, San Pedro de Mezonzo e Santiago de Chile.
CULTURA
Inicio das proxeccións en Cineuropa
Logo do concerto inaugural da Real Filharmonía de Galicia coa proxección de Un perro andaluz de Luis Buñuel e Salvador Dalí, este venres chega a primeira xornada de proxección de películas en Cineuropa. A billeteira do Teatro Principal estará aberta dende as 15:30 horas ata cinco minutos antes do comezo do último filme e ese será o horario de todos os días ata que remate o festival. As entradas están tamén xa á venda en Novagaliciabanco (web e teléfono).
TURISMO
Sesenta e seis establecementos participan na VI edición do Santiago(é)Tapas
A concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiu á rolda de prensa de presentación da VI edición de Santiago(é)Tapas, concurso organizado por Hostalería Compostela co patrocinio de Turismo de Santiago e a colaboración de diferentes empresas do sector agroalimentario e turístico. Nesta convocatoria, que se desenvolverá do 7 ao 24 de novembro, participarán 66 establecementos, que ofrecerán 109 petiscos.
ECONOMÍA
Área Central acolleu unha xornada formativa sobre emprendemento e innovación
A concelleira de Economía e Emprego, Reyes Leis, clausurou a I Xornada de Emprendemento e Innovación, que se celebrou na sala de xuntas do centro comercial Área Central. A actividade pretendía achegar o coñecemento necesario a todos aqueles que posúen unha empresa nova, teñen intención de comezar un proxecto empresarial ou a necesidade de innovar nunha empresa xa consolidada.
EDUCACIÓN
A ilustradora arxentina Mariana Ruiz Johnson recibiu o VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados
O alcalde compostelán, Ángel Currás, entregou do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados á arxentina Mariana Ruiz Johnson, pola súa obra "Mamá". O pasado mes de abril, o xurado elixira este traballo entre os 374 que se presentaran nesta edición.
ECONOMÍA
Arranca en Santiago de Compostela a I Conferencia Internacional de Experiencia do Cliente "Feeling Brands"
Este venres 8 de novembro chega a Santiago Feeling Brands, a I Conferencia Internacional de Experiencia do Cliente. Esta xornada pretende achegar aos profesionais, empresas e organizacións unha tendencia global e posicionar a Galicia no marketing de experiencias clave para a diferenciación no século XXI.
OBRAS
Reunión cos veciños da rúa de San Pedro para analizar a marcha das obras
A concelleira de Urbanismo reuniuse no Centro Sociocultural da Trisca coa Asociación de Veciños Amigos de San Pedro para falar sobre a marcha das obras na rúa de San Pedro. O luns 11, a edil falará coa outra asociación do barrio, A Xuntanza.
RELACIÓNS VECIÑAIS
Remata o prazo de xustificación das subvencións ás asociacións veciñais
Este luns 11 de novembro, remata o prazo de xustificación das subvencións ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela, tal e como se recolle nas súas bases. A Concellería de Relacións Veciñais repartiu 64.800 euros entre as 43 asociacións que presentaron a súa solicitude.
CONSORCIO
A restauración das varandas do Pazo de Raxoi, do século XVIII, revela que algunhas procedían da Catedral de Santiago
O Consorcio de Santiago iniciou en setembro a restauración das varandas de forxa das ventás e dos balcóns da fachada principal do Pazo de Raxoi, sede do Concello. As obras adxudicáronse á construtora Desarrolla e os traballos estanos a realizar catro ferreiros especializados en forxa artística. Ademais da intervención no edificio, desmontáronse algúns balcóns para recuperalos no taller, onde tamén se están a elaborar de novo as follas, motivos decorativos e pezas diversas que estaban moi deterioradas....