ALCALDÍA
Unha mente marabillosa no Libro de Honra da Cidade
O premio Nobel de Economía John Forbes Nash está en Compostela para participar no Programa "ConCiencia", organizado polo Consorcio e a Universidade. Dentro dos actos que tiña previstos, o prestixioso matemático pasou pola Casa do Concello, onde foi recibido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Alí asinou no Libro de Ouro da Cidade.
MULLER
A Concellaría da Muller apela á sensibilización dos homes contra a violencia de xénero
Os actos programados pola Concellaría de Benestar Social e Muller con motivo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, teñen este ano aos homes como principais destinatarios. Así, o destacou a concelleira Mar Martín, ao sinalar que "o problema está nos homes que exercen a violencia, pero tamén naqueles que non se sublevan contra ela".
COMERCIO
Últimas semanas para participar na edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo
O 14 de decembro remata o prazo para inscribirse na Edición de Nadal do IV Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007. As bases e o formulario de inscrición para participar xa están a disposición dos comerciantes na páxina web www.maiscompostela.org da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, organizadora do certame. A información sobre o Concurso de Escaparatismo, que conta cun orzamento de 46.000 euros, xa foi remitida aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago.
CULTURA
José Luis Guerín: homenaxe en Cineuropa a un cineasta diferente
Cineuropa entrega o segundo dos seus premios desta edición a un cineasta cunha traxectoria curta como director, pero moi particular e apreciada pola crítica e por algúns sectores do público. Vello coñecido do festival compostelán, José Luis Guerín trae da man a súa nova película, En la ciudad de Sylvia, que se proxectou na gala de entrega do premio.
ALCALDÍA
O Museo do Pobo Galego, proposto para recibir a Medalla de Ouro da Cidade
Os representantes do Consello Asesor de Condecoracións, tras reunirse na Casa do Concello, acordaron por unanimidade propoñer a concesión ao Museo do Pobo Galego da Medalla de Ouro da Cidade, proposta que se levará á aprobación do pleno municipal deste mes de novembro.