CENTROS SOCIOCULTURAIS
A Serea Estremeña, próximo destino do programa "Imos de excursión 2015"
A Concellería de Cultura continúa coa programación de Imos de excursión 2015. Nesta ocasión programouse unha viaxe de tres días a Estremadura, onde os participantes visitarán a cidade de Mérida, a comarca de La Serena e Almendralejo, os días 1, 2 e 3 de maio.
ALCALDÍA
O alcalde participou nunha xornada de prevención do risco cardiovascular
O alcalde de Santiago asistiu na Aula Gastronómica da Praza de Abastos á Xornada de detección e prevención do risco cardiovascular organizada pola Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (Agefec). Como outras persoas que se achegaron ata as instalacións, Agustín Hernández someteuse a unhas probas para avaliar a súa saúde cardiovascular.
DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE
Comeza a 2ª fase das obras de Basquiños
O luns 13 de abril arranca a segunda fase das obras de Basquiños. Por este motivo péchase ao tráfico a rúa Basquiños dende o cruce con Espírito Santo e ábrese o tramo dende a travesa dos Basquiños ata a praza da Paz. As obras de urbanización do tramo entre Santa Clara e Basquiños teñen un importe de 340.310 euros e un prazo de cinco meses e completan as xa rematadas do tramo entre Basquiños e Pastoriza.
DEPORTES
O Pavillón de Santa Isabel acolleu o II Torneo de Ximnasia Rítmica Viravolta Santiago
A concelleira de Deportes, María Corral, entregou os trofeos do II Torneo de Ximnasia Rítmica Viravolta Santiago, organizado por este club en colaboración coa Concellería de Deportes e que se desenvolveu ao longo do sábado no Pavillón Municipal de Santa Isabel.