XUVENTUDE
Cento oito mozos e mozas participaron nos castings de Compostela Actúa
A Concellería de Xuventude realizou os pasados 25 e 30 de novembro os castings para os mozos e mozas interesados en formar parte do programa Compostela Actúa. Participaron 108 persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Os Axóuxeres convidan os máis pequenos da casa a descubrir o mundo en galego
A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron o espectáculo Os Axóuxeres, da Rede de Dinamización Lingüística. A representación en Santiago terá lugar o sábado 7 de decembro, ás 18:30 horas, na Zona C, e servirá para pechar a xira do espectáculo por 24 localidades galegas. Require reserva previa.
OBRAS
En execución as obras de mellora nos barrios de Amio, O Viso e O Romaño
O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, visitou os barrios de Amio, O Viso e O Romaño, onde o Concello está a executar diversas obras de mellora. O investimento nestes tres barrios suma 211.699 euros.
URBANISMO
O Concello reordena San Francisco e San Clemente na busca dunha convivencia máis harmónica dos peóns co tránsito de vehículos
A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou as obras que se van realizar no ámbito de San Francisco e de San Clemente para reordenar estes espazos e permitir unha convivencia máis harmónica do tránsito peonil e de vehículos.
DEPORTES
II Campus de Nadal Rítmica Compostela
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o II Campus de Nadal Rítmica Compostela, que se celebrará durante as mañás dos días 23, 24, 26 e 27 de decembro no pavillón de Pontepedriña. O Concello colabora con estas xornadas, organizadas polo Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, que pretenden promover a práctica deste deporte na cidade.
CULTURA
Seis compañías de teatro amador amosan os seus espectáculos do 5 ao 8 de decembro no Festival Agustín Magán
O Teatro Principal de Santiago e o Salón Teatro acollerán do 5 ao 8 de decembro os espectáculos de seis compañías afeccionadas no marco do XII Festival de Teatro Amador Agustín Magán.
ALCALDÍA
Ruta literaria polo Mar de Arousa e Ulla
A Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, inaugurou a exposición Guía literaria do Mar de Arousa e Ulla no Pazo de Fonseca. A segunda tenente de alcalde, Amelia González, asistiu á apertura da mostra xunto a outros representantes dos 21 municipios membros do Padroado da entidade.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
A Concellería de Centros Socioculturais esgota o seu orzamento para 2013 con melloras en varios locais
Ao igual que sucedera en 2012, a Concellería de Centros Socioculturais e de Relacións Veciñais executou todo o seu orzamento. Esgotou as súas partidas cunha serie de melloras nalgúns centros socioculturais.