PLENO
A edil de Facenda indica que o endebedamento por habitante se situou en máis de 697 euros en 2010
Un día despois de ser aprobada no Pleno a conta xeral do exercicio 2010, a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou algúns indicadores da mesma. Destacou os 697,58 euros de endebedamento por habitante e que, durante o pasado ano, se pagaron máis de 25.000 euros ao día entre intereses e amortizacións. A urxencia da convocatoria da xornada anterior obedecía a que a Lei obriga a remitir ao Tribunal de Contas o estado de contas antes do 15 de outubro.
CULTURA
A Banda ofrecerá 26 concertos dominicais e 11 didácticos na nova temporada
A temporada 2011-2012 da Banda Municipal de Música trae 26 concertos dominicais e 11 concertos didácticos entre os meses de outubro e maio. A formación interpretará por primeira vez ata 57 obras, nun calendario que inclúe ciclos dedicados a novos intérpretes e compositores galegos e a presenza de importantes directores convidados.
EDUCACIÓN
O CEIP Apóstolo Santiago acollerá un ano máis o curso de educación de adultos da Fundación Radio ECCA
O concelleiro de Educación, Ángel Currás, e a coordinadora de Radio ECCA na provincia da Coruña, Marisol Pérez, presentaron o curso de educación de adultos da Fundación Radio ECCA, cuxas clases acollerá o CEIP Apóstolo Santiago. O obxectivo desta formación é a obtención do título de Graduado en Secundaria, estudando dende a casa e con dúas clases presenciais á semana.
EDUCACIÓN
Remata o prazo de preinscrición no programa de conciliación Nadalxogo
O luns 17 de outubro remata o prazo de preinscrición nunha nova edición de Nadalxogo. Desta vez, os CEIP Pío XII, Ramón Cabanillas e As Fontiñas acollen o programa, que cambia o seu formato a petición das ANPAS e co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. Celebrarase os días non festivos comprendidos entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, en horario de 7:45 a 15:30 horas, incluíndo o servizo de comedor.
CONSORCIO
A exposición "Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago" abre as súas portas
A igrexa de San Domingos de Bonaval acolle unha nova exposición conmemorativa do oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago. Baixo o título Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago, a mostra reúne un bo número de pezas procedentes do tesouro da basílica xacobea, todas elas testemuñas da importancia deste espazo como santuario apostólico e como meta do máis importante camiño de peregrinación en Europa.
ALCALDÍA
O alcalde, investido Confrade de Honra Civil da Irmandade dos Estudantes
O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, foi investido Confrade de Honra Civil 2011 da Irmandade dos Estudantes, nun acto celebrado na igrexa das Orfas.