CIDADE DA CULTURA
Os tres grupos municipais poñen en común o seu compromiso en defensa da Cidade da Cultura
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o primeiro tenente de alcalde, Néstor Rego; e o líder da oposición, Gerardo Conde Roa, mantiveron unha xuntanza na que ratificaron o apoio dos tres grupos municipais ao proxecto da Cidade da Cultura. Neste sentido, o mércores 12 de setembro celebrarase un pleno extraordinario no que se plasmará este apoio cunha declaración institucional.
CULTURA
O Ciclo de Lied reúne na súa oitava edición máis a algúns dos máis reputados cantantes líricos do mundo
"Teatro, canción, cabaré" é o título da oitava edición do Ciclo de Lied, que comeza o 11 de setembro no Teatro Principal. Catro concertos e unha conferencia integran o programa deste ano, que confirman o evento coma un certame lírico de referencia en España, onde unicamente se celebran outros dous ciclos de lied, en Madrid e Valencia.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Últimos días para participar no Concurso de Imaxinación máis Comercio
Os establecementos comerciais de Santiago teñen de prazo ata o 10 de setembro para presentar os seus proxectos ao Concurso de Imaxinación máis Comercio (I+C), organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O seu obxectivo é premiar o esforzo innovador no pequeno comercio, achegando medios financieiros para que os estabelecementos comerciais podan desenvolver estratexias personalizadas de comunicación e mercadotecnia.
ALCALDÍA
Unha mostra achega aos composteláns os efectos na poboación dos territorios palestinos ocupados do muro construído por Israel
A Asociación Fuco Buxán, xunto coa ONG ACSUR-Las Segovias prepararon unha exposición para amosar os efectos que sobre a poboación dos territorios palestinos ocupados ten o muro que está a construír Israel. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu a unha mesa para animar aos composteláns a achegarse ata esta mostra, que estará na Sala Castelao do Hotel Araguaney ata o 8 de setembro.
EDUCACIÓN
Remata a Escola de Verán coa participación de máis de 2.000 nenos
O venres 7 de setembro finalizan as actividades da sexta edición da Escola Municipal de Verán, que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coas diversas asociación da cidade, como Don Bosco, Asociación Galega para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Xuvenil Cruz Vermella e Fundación Fesán entre outros, nos CEIP de Fontiñas, Quiroga Palacios, Colexiata de Sar e Pío XII.
INFRAESTRUTURAS
Investimento de 10 millóns de euros para mellorar os accesos a Santiago
O Consello da Xunta autorizou un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para a realización de diversas actuacións de mellora dos contornos urbanos nos accesos a Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Ano Santo 2010. A Administración autonómica achegará 10 millóns de euros en catro anos para estas obras.