CONSORCIO
Concerto da Real Filharmonía de Galicia coa participación de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais
A colaboración entre a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais materializarase no concerto de abono no Auditorio de Galicia do mércores 22 de abril. Xunto aos músicos da orquestra sentaranse 20 alumnos da Escola. Esta, xestionada pola AGADIC, está estreitamente vinculada á Real Filharmonía, xa que forma cada ano corenta alumnos, cos músicos da orquestra santiaguesa como profesores.
ALCALDÍA
Os veciños de Fontiñas, concelleiros por un día nun pleno especial
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu un singular pleno municipal con motivo dos actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas. Nesta ocasión, os concelleiros dos diferentes grupos municipais eran veciños do barrio de Fontiñas.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
A Concellaría de Promoción Económica participa en Irlanda nun encontro de socios do programa Leonardo
A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, participa, o 20 e 21 de abril, na cidade irlandesa de Ennis, nun encontro de socios do proxecto Axudantes Familiares do programa europeo Leonardo da Vinci. Este proxecto ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario para acreditar profesionalmente aos coidadores familiares e favorecer así a súa inserción laboral.
ALCALDÍA
O Concello convidou os veciños de Santiago a coñecer a súa nova casa
Comezaron os actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas coa apertura da Casa das Asociacións na antiga estación do tren de Cornes. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou oficialmente as instalacións. Antes, os veciños puideron visitalas nunha xornada de portas abertas.
ALCALDÍA
O alcalde reúnese cos veciños para explicarlles os proxectos de reurbanización do ensanche incluídos no FIL
O luns, 20 de abril, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, manterá ás 20:30 horas un encontro no Colexio de Avogados con veciños para explicarlles de forma directa os proxectos incluídos no Fondo Estatal de Inversión Local, aprobado polo Goberno central, que afectarán ao Ensanche.
ALCALDÍA
Unha xornada de portas abertas na Casa das Asociacións abre os actos do XXX aniversario das corporacións democráticas
Coa inauguración da nova Casa das Asociacións e coa xornada de portas abertas na mesma o sábado 18 comezan os actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas. O alcalde compostelán anunciou o programa desta conmemoración, que seguira do 20 ao 23 de abril.
ALCALDÍA
Santiago acollerá un encontro internacional rotario en 2010
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos membros do Club Rotario de Santiago. Esta Asociación está a organizar o IV Encontro Rotario Internacional que se celebrará do 7 ao 9 de maio de 2010 en Santiago con motivo da celebración do Ano Xacobeo.
ALCALDÍA
O Parlamento Centroamericano convida ao alcalde a unha visita en recoñecemento ao compromiso do Concello coa área
O representante do Parlamento Centroamericano ante a Unión Europea, Ricardo Lagos, e o presidente da Conferencia Eurocentroamericana, David Balsa, foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na súa visita expresaron o seu recoñecemento ao compromiso do Concello coa área de Centroamérica-Caribe.
ALCALDÍA
O alcalde asegura que todos os servizos de Ryanair se van manter ou incrementar
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade en relación ao remate do convenio existente coa compañía aérea Ryanair. Indicou que "a relación coa directiva de Ryanair é fluída" e asegurou que "todos os servizos se van a manter ou incrementar".
UMAD
A UMAD recibe aos socios do Proxecto Europeo Grundvig, reunidos en Santiago do 19 ao 21 de abril
Do 19 ao 21 de abril, Santiago acolle a reunión dos socios do Proxecto Europeo Grundvig "Mírate: os/as pais/nais ante situacións que xeran violencia". O obxectivo principal deste proxecto é educar os pais na área da prevención da violencia.