FESTAS
Aberto o prazo de inscrición no desfile-concurso do martes de Antroido
Xa está aberto o prazo para inscribirse e participar no desfile-concurso do Antroido 2014, que terá lugar o martes 4 de marzo. Repartiranse 12.220 euros en premios, manténdose os importes dos anos anteriores. O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou en rolda de prensa as bases deste desfile e do concurso infantil de disfraces.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
A exposición fotográfica "Compostela Única" chega ao Centro Sociocultural de Vite
A exposición fotográfica Compostela Única, un retrato en imaxes anteriores a 1965, do Ateneo de Santiago, segue o seu percorrido polos centros socioculturais. Despois de pasar polo local da Rocha, onde estivo ata o 29 de xaneiro, a mostra chega ao Centro Sociocultural de Vite, no que estará aberta do 5 ao 26 de febreiro. Este mércores, ás 19:00 horas, o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, visitará a exposición e compartirá uns momentos cos veciños do barrio e representantes do Ateneo.
SEGURIDADE CIDADÁ
O Concello recomenda precaución ante a alerta por vento prevista para este martes
Ante a alerta emitida pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior por un episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos para Galicia, o Concello de Santiago prega aos cidadáns extremen as precaucións na xornada de hoxe martes, 4 de febreiro. O Concello ten activados todos os seus servizos de emerxencias, coa participación de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e as concesionarias Aquagest e Urbaser.
URBANISMO
O Concello substitúe os chanzos de madeira do parque das Cancelas por outros de granito
A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta da marcha das obras de substitución dos chanzos de madeira das escaleiras do parque das Cancelas por outros de granito. A actuación, executada no marco do Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa II, inclúe tamén o acondicionamento de camiños. As obras estarán rematadas o 30 de abril.