ALCALDÍA
As cidades do mundo que levan o nome de Santiago reuniranse en outubro na República Dominicana
Unha delegación da cidade de Santiago de los Caballeros (República Dominicana) foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na xuntanza cursáronlle a invitación para asistir a un congreso que reunirá nesta cidade americana, en outubro, ás cidades do mundo que levan o nome de Santiago.
TURISMO
A Santiago de Compostela Film Commission asiste ao Location Trade Show en California
Un ano máis, a Santiago de Compostela Film Commission participará no AFCI Location Trade Show, que se celebrará en Santa Mónica (California) entre os días 10 e 12 de abril.
COMERCIO
As actividades de "Marzo, mes do comercio", recollidas nunha revista
Unha nova publicación, co título de Marzo, mes do comercio, recolle as principais actividades que se desenvolveron en 2008 baixo este lema: III Gala do Comercio Compostela Capital de Compras, II Compostela Outlet e o ciclo de Conferencias sobre a Comunicación e Innovación para o pequeno comercio".
URBANISMO
Aprobado inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo
O Goberno local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo. Este novo polígono de vivendas, deseñado por César Coll, suporá unha singular e moderna conexión estética e urbanística entre o tradicional e o novo Ensanche.
DEPORTES
O pavillón polideportivo de Santa Isabel contará cunha nova pista
A Xunta de Goberno aprobou a realización de obras no pavillón polideportivo de Santa Isabel. En concreto, trátase dun investimento de 200.315 euros para a instalación dun novo pavimento de parqué que substituirá ao actual.
EMPREGO
O Concello participará nun proxecto europeo de coidadores familiares
O proxecto "Aidants Familiaux" (coidadores familiares) está dirixido á promover accións que faciliten a inserción laboral dos coidadores familiares. O Concello quérese sumar a esta iniciativa e participará na mesma con varias accións, para as cales a Xunta de Goberno aprobou un orzamento de 71.911 euros (46.950 euros de subvención do Fondo Social Europeo e 24.961 de achega propia).
COMERCIO
Cinco novas conferencias sobre comunicación e innovación para o pequeno comercio
Do 14 ao 18 de abril terá lugar na sede da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) a segunda parte do ciclo Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio, organizadas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Este segundo bloque componse de cinco charlas gratuítas programadas no conxunto de actividades deseñadas baixo o lema Marzo, mes do comercio.
MERCADOS
Concello e gandeiros consensuarán o calendario anual de feiras en Amio
Despois de moitas horas falando, a última hora da noite do venres 4 concluíron con éxito as negociacións mantidas entre o Concello, representado polo concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, e os gandeiros, co fin de solucionar o conflito que os mantiña protestando no recinto feiral de Amio. Deste xeito, a feira Expovivenda celebrarase sen ningunha dificultade, e Concello e tratantes crearán unha comisión para acordar o calendario de feiras anuais.
ALCALDÍA
O Grupo de Cidades Patrimonio felicita ao alcalde pola presenza de Santiago na Exposición Universal de Shanghai 2010
Mérida acolleu o sábado 5 de abril a celebración da Asemblea ordinaria do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, á que acudiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ao encontro asistiron tamén os alcaldes de Cuenca, Ávila, Tarragona, Toledo, Cáceres, Ibiza, Salamanca e Mérida, e os concelleiros das outras catro cidades máis que integran o grupo, que son Alcalá de Henares, San Cristóbal de la Laguna, Segovia e Córdoba.
DÍA MUNDIAL DA ÁRBORE E DA AUGA
Compostela uniuse aos actos de celebración do Día Mundial da Árbore e da Auga
Dous grupos de alumnos do CEIP de Vite foron os protagonistas da conmemoración un ano máis do Día da Árbore e do Día Mundial da Auga. Con tal fin, o Concello organizou unha visita ao acueduto da Ponte Mantible e unha plantación de árbores en Salgueiriños.