ALCALDÍA
Sánchez Bugallo: "O PXOM de Santiago é modélico dende o punto de vista medioambiental"
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa confianza en que o PXOM de Santiago non se vexa afectado pola Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente. Neste sentido, lembrou que o Plan é "modélico dende o punto de vista medioambiental" e que xa inclúe un informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.
REHABILITACIÓN
O Programa de Edificios Tutelados porá a disposición dos cidadáns alugueiros asequibles no casco histórico
A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, presentou a primeira convocatoria do Programa de edificios tutelados. A iniciativa é o froito de "aunar forzas entre o Concello, o Consorcio e Emuvissa para seguir traballando nas políticas de rehabilitación e de vivenda", apuntou. Grazas ao Programa, os cidadáns poderán acceder a alugueiros con prezos asequibles nun marco privilexiado como é a zona histórica.
CULTURA
As acrobacias e os malabares protagonizan a penúltima xornada do Festiclown
A compañía mallorquina Res de Res trae ao Festiclown "Tempos", un espectáculo innovador cheo de acrobacias aéreas e música en directo. Esta nova actuación dentro da Mostra Internacional completa un día protagonizado por esta técnica e polos malabares.
CULTURA
"Feitoamán" completa a ampla oferta musical de Compostela para o mes de agosto
"Feitoamán" engádese á ampla oferta musical da cidade para o mes de agosto. As rúas e prazas da cidade histórica serán escenario da actuación de dez formacións dende o 14 de agosto ao 3 de setembro. O evento está organizado pola Concellería de Cultura e pola Asociación Cultural de Cidade Vella.
BENESTAR SOCIAL
O Concello merca seis máquinas de coser para o cárcere de Teixeiro
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou seis máquinas de coser ao Centro Penitenciario de Teixeiro, que se empregarán no taller de costura. A adquisición das máquinas por parte do Concello fíxose cos cartos da última edición do premio de investigación Xohana Torres, que na súa última edición quedara deserto.